RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Eva Dios xogou onte a última media hora do segundo amigable de España sub-20 en Costa Rica

- Foto: @fedefutbolcrc -

A xogadora do Dépor ABANCA Eva Dios estivo concentrada coa selección española sub-20 para disputar dous amigables fronte a Costa Rica coincidindo cun parón da liga en Reto Iberdrola.

O segundo deses partidos, co que se puxo o punto e final a esta concentración do equipo nacional, xogouse onte domingo no Estadio Nacional de San José.

De novo venceron as españolas (0-4) e Eva Dios xogou a última media hora ao substituír no minuto 66 a Fiamma Benítez.

O partido formou parte dos actos do Bicentenario da Independencia de Costa Rica e foi presenciado en directo por varios altos cargos do país centroamericano encabezados pola Vicepresidenta Epsy Campbell.

O primeiro dos devanditos encontros xogouse na madrugada do xoves ao venres no citado Estadio Nacional de San José.

O triunfo caeu claramente ao lado español (0-5). Eva Dios comezou o choque no banco e saltou ao campo no minuto 76 en substitución de Ornella Vignola.

O amigable foi presenciado polo Presidente da República, Carlos Alvarado; e a Ministra de Deporte, Karla Alemán. A delegación española estivo formada entre outras personalidades polo Secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco; así como polo Asesor á Presidencia da RFEF, o ex deportivista Albert Luque.

Concluída esta concentración, a selección española sub-20 pon as súas miradas no próximo Mundial da categoría, que se celebrará en 2022 precisamente en Costa Rica.

Eva Dios, que este verán ampliou a súa vinculación co Dépor ABANCA até 2023, recolle o testemuño de Paula Novo, do Dépor ABANCA B, que acaba de disputar un torneo amigable en Francia coa selección española sub-19.

Nos próximos días, Eva Dios reincorporarase aos adestramentos co Dépor ABANCA para preparar a terceira xornada de liga en Reto Iberdrola: a visita do Sporting de Gijón a Abegondo prevista para este sábado 25 de setembro ás 17:00 horas.