RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Faleceu Cantudo, dianteiro deportivista entre 1977 e 1980

- Cantudo, no centro entre Piña e Alfonso Castro, na formación deportivista que se mediu ao seu ex equipo, o CD Tenerife, o 2 de outubro de 1977 en Riazor -

Antonio Manuel Cantudo Hernández (Santa Cruz de Tenerife, 4 de agosto de 1951), xogador deportivista durante tres temporadas a finais dos anos 70, faleceu hoxe martes aos 71 anos de idade.

Cantudo foi un dianteiro de gran fortaleza física, que aterrou na Coruña no verán de 1977 procedente do Sevilla FC. 'El Cazador', como foi alcumado na súa terra natal onde é recoñecido como un dos mellores arietes da historia do CD Tenerife, xogou no Dépor nas campañas 1977-1978, 1978-1979 e 1979-1980.

Cantudo debutou oficialmente coa camiseta branquiazul o 4 de setembro de 1977 nun Dépor-Zaragoza (1-1) de Segunda División en Riazor. Aquela primeira campaña foi a mellor do seu paso pola Coruña. Xogou 36 dos 38 partidos, todos como titular, formando trío de ataque con Alfonso Castro e Pousada. O ariete canario asinou 10 goles cun Deportivo que acabou na 8ª praza.

Na súa segunda campaña, a irrupción de José Manuel Traba restoulle protagonismo. Cantudo xogou 16 partidos (12 como titular) e marcou 2 tantos para un Deportivo que evitou o descenso por un só punto.

Unha lesión no xeonllo, da que foi operado en Sevilla en xaneiro de 1980 polo doutor Leal Graciani para extirparlle o menisco externo, limitou a participación de Cantudo no curso 1979-1980. Aínda así, tivo tempo de anotar 3 goles en 6 partidos. O seu último encontro foi un Deportivo-Racing de Ferrol (1-0) de Copa do Rei, o 8 de decembro de 1979. Cantudo viu desde a bancada como o equipo descendía a Segunda División B e acto seguido despediuse da Coruña ao finalizar contrato o 30 de xuño de 1980.

En total, Cantudo xogou 65 partidos oficiais co Deportivo e marcou 16 tantos. 'El Cazador' xogou 58 encontros e 15 anotou 16 goles en Segunda División aos que hai que engadir 7 choques e 1 diana en Copa do Rei.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros de Cantudo. DEP