Fran Alonso: "Esperamos que sexa unha boa fin de semana para todos os deportivistas"
Fran Alonso manifestou na sala de prensa de Abegondo que "é unha fin de semana moi especial para o RC Deportivo. O Xuvenil A xoga en Tenerife mañá, o domingo xogamos nós e o Fabril logo. É unha fin de semana moi especial. Esperamos que sexa unha boa fin de semana para todos os deportivistas".
Subliña que "nós tentaremos dar a #ANOSAFORZA unha alegría. É o último partido en casa e queremos que se vaia con boas sensacións".
Espera este domingo ás 12:00 en ABANCA-RIAZOR ante o Sevilla FC "moitísimo público. Para nós vai ser un día moi especial co aliciente de que se facemos un bo partido e gañamos, conseguimos o obxectivo".
O técnico deportivista admite que "levamos 3 derrotas consecutivas. Para min non deberian ser 3. Nun dos partidos tivemos moi mala sorte cunha mala decisión que nos custa a derrota, pero o equipo xoga ben. No partido contra o Granada CF facemos 60 minutos moi bos. Logo elas foron superiores e lograron remontar. E contra o Barça é unha derrota avultada pero equipos da parte alta tiveron mesmo derrotas máis avultadas que a nosa. Iso entra no posible".
Con todo, asegura que "pesa máis a ilusión de conseguir a vitoria ante #ANOSAFORZA, de darlles unha alegría".
Recalca que "nós nunca dubidamos de nós mesmas pero velo tan preto dános moitísima ilusión. Temos a oportunidade de conseguir o obxectivo e imos dalo todo para que así sexa".
Finalmente do Sevilla FC Fran Alonso opina que "ten moita calidade, con 2 xogadoras arriba moi perigosas na transición e vai ser un partido moi difícil", conclúe.