Fran Alonso lembrou na sala de prensa do Dépor Training Center que "cheguei aquí co equipo en descenso directo. Era moi difícil o que conseguimos. Sufrimos moitísimo, pasámolo moi mal. Ao final conseguiuse o obxectivo con moito traballo, con moito esforzo por parte de todos".
Así, esta temporada, segundo o técnico deportivista, "temos moi claro que non sufrir era a prioridade número un. Ata que non estea conseguido matematicamente nunca nos imos a relaxar. Aínda así un dos valores do equipo é o de crecemento constante, ten que mellorar independentemente da clasificación. Somos esixentes, apertamos moito".
Desvela que "cando temos un bo partido os vídeos son máis esixentes porque non vai afectar á moral das xogadoras. Cando perdemos ou temos un mal partido centrámonos nos puntos crave que nos poidan facer mellorar, sen tentar danar a confianza".
Da SD Eibar, rival este sábado 28 de marzo ás 18:00 (Dazn e RTVE Play) en ABANCA-RIAZOR, Fran Alonso advirte que "está un posto por detrás de nós. Meteriámoslle máis puntos, daríanos máis confianza. Unha vez que se consiga a salvación matemática aí xa diriamos que se conseguiu o principal obxectivo. Agora imos empuxar a ver onde podemos chegar, cantos puntos podemos sumar, que posición lograr... pero asentar ao equipo en Liga F é a prioridade número un e iso témolo todos presente".
Finalmente ve o encontro "como unha nova oportunidade que nos brinda o fútbol de maquillar erros que tivemos, corrixir, recuperar esas boas sensacións de crecemento que o equipo está a ter; e por suposto para o noso obxectivo número un que é conseguir a salvación matemática canto antes estes 3 puntos son vitais".
