RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso, satisfeito: "Retivemos a todas as xogadoras que considerabamos clave"

Fran Alonso manifestou na sala de prensa de Abegondo que neste mercado de verán "estivemos moi eficientes, en constante comunicación durante todo o verán. Como club estivemos fenomenal. Retivemos a todas as xogadoras que considerabamos clave. Puxen unha lista de prioridades, xogadoras que se deben reter, e todas se quedaron. Incluso algunhas cedidas que volveron que para min era moi importante que volvesen. Así que estou encantado".

Móstrase "moi contento co que hai" aínda que advirte que "se atopamos a alguén que poida axudar ao grupo seguramente que o tentariamos. O grupo é moi forte, temos un bo grupo de xogadoras, estamos moi contentas da calidade que temos, tanto calidade humana como futbolística. Se temos que competir todo o ano con este cadro temos total confianza".

O técnico deportivista, a petición dos medios, referiuse ás novas incorporacións. 

De Merle Barth apunta que "xa a coñecía hai moitos anos. Era a capitá do Bayer Leverkusen. Tentei fichala cando eu estaba no Celtic de Glasgow. Fixemos un esforzo económico porque a considerabamos unha peza crave pero adiantóusenos o Atlético de Madrid cun orzamento máis amplo que o noso. E non puido ser, pero sempre seguimos en contacto, seguimos falando. Sempre tiven a ilusión de traballar con ela. Impresionounos xogar contra ela, como controlaba o tempo do partido, a habilidade de filtrar pases, de comunicar, de apoiar... Pareceunos espectacular e desde entón sempre a quixen fichar".

Sobre Collette Cavanagh lembra que "a fichei no Celtic. Viña do noso maior rival alí, que era o Rangers. É unha xogadora cunha perna esquerda fantástica, tanto para centros como para disparos fóra da área. É moi polivalente. Pode xogar de lateral, de carrilera, por dentro, de extremo. É unha xogadora con moitísima enerxía e moi agresiva".

Pola súa banda, as xogadoras cedidas do Real Madrid "esperamos que sexan casos parecidos ao de Olaya. Son novas pero con moita fame de facelo ben. Marisa García ten un xogo fantástico de costas. É campioa de Europa con España. Nos adestramentos vese, a pesar da súa mocidade, o forte que é, a predisposición que ten ao traballo. É moi boa orientando as presións. E Sara Extremera é outra zurda que nos axuda moito. O ano pasado coa lesión de Francisca Lara tivemos que inventar nesa posición ou reinventar xogadoras que non era esa posición. Máis ou menos fixeron un bo traballo. Ten moi bo centro lateral, moi potente, un tren inferior moi potente. É capaz de cambiar de ritmo rapidamente".

Finalmente Fran Alonso desvela que quere un Dépor ABANCA versátil, que "os rivais non saiban como imos xogar e o posicionamento. Temos unha vantaxe, que é conservar a unha parte moi grande do grupo. Esa parte coñece o ritmo de xogo que tiñamos o ano pasado. Iso axuda ás novas xogadoras a aprendelo máis rápido. De momento estamos a traballar cunha formación similar á do ano pasado, máis fluída, con máis rotacións pero a formación é a mesma; aínda que queremos ter a habilidade, mesmo durante partidos, de poder cambiar a formación e que non sexa un shock para as xogadoras, que o naturalicen e que sexa efectivo".