RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso, sobre a visita ao Levante UD: "Vai ser unha final para os dous equipos"

Fran Alonso advertiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Levante UD, rival este domingo 20 de abril ás 12:00 (Dazn) na Cidade Deportiva de Buñol, é "moi difícil. Teñen calidade para estar máis arriba pero se cadra careceron de consistencia este ano".

Lembra que o conxunto granota "gañou 3 dos últimos 5 partidos. Para nós vai ser dificilísimo".

Admitiu o técnico deportivista que o Levante UD "nos partidos de fóra estivo máis consistente. En casa o último, ante a SD Eibar, perdérono. Elas xóganse a vida, como nós. Vai ser unha final para os dous equipos".

Ve ao Dépor ABANCA "con moita confianza polo último partido que xogamos (ante o FC Levante Badalona), que o fixemos moi ben. E bos recordos de cando nos enfrontamos a elas (en referencia ás granotas). Imos con moita confianza sabendo que é un campo moi difícil e sabendo todo o que nos xogamos".

Fran Alonso recoñece que "lle temos que pór moita énfase á parte emocional. Foi máis difícil traballar esa parte emocional após a derrota ante o Athletic Club, que tivemos encima parón. Pero traballámolo moi ben, a reacción das xogadoras foi espectacular. Iso fai grande a este grupo, esa forza mental, esa confianza en todas nós, no traballo diario que facemos. A recompensa foi unha boa actuación no último partido en ABANCA-RIAZOR".

O preparador branquiazul asegura que "queremos seguir crecendo, pór unha boa actuación mañá domingo, imos dalo todo, ímolo a deixar todo".