Reto maiúsculo para o Dépor ABANCA, que este domingo 15 de marzo ás 12:00 (Dazn, GOL, TEN, TVG e 3Cat) recibe en ABANCA-RIAZOR ao FC Barcelona, "un dos mellores equipos do mundo senón o mellor", tal e como o definiu en rolda de prensa Fran Alonso.
Despois de dúas semanas de parón polos compromisos das seleccións nacionais, As Nosas retoman a liga F en 11ª posición con 23 puntos.
"Estamos moi ben, moi ilusionadas", o técnico deportivista na sala de prensa.
Lembra que "nos fomos ao parón despois dunha vitoria importantísima fóra de ABANCA-RIAZOR (ante o Levante UD en Buñol)".
Neste tempo sen competición, As Nosas venceron 1-3 no Requexón nun amistoos ante un Real Oviedo que "nos deu moita intensidade. Ningún dos dous equipos tivo lesións. Serviunos moitísimo. Tamén nos valeu para que xogadoras que lles falta un pouco de ritmo competitivo ou que volveran de lesión collesen importantes minutos".
Insiste en que "estamos nun bo momento e moi ilusionadas para un partido contra un dos mellores equipos do mundo, se non o mellor; en ABANCA-RIAZOR. Moi ilusionada por probarnos contra elas".
É baixa por lesión Millene Cabral; aínda que o partido pode supor o debut oficial de Hildah Magaia.
A dianteira internacional surafricana estreouse no citado amigable ante o Real Oviedo cun gol.
Fran Alonso lembra que "ten á dificultade do idioma pero cada vez estase compenetrando mellor coas súas compañeiras. Vén sen ter unha pretemporada. Leva xa un tempo sen xogar. Estivo a adestrar pero sen ese ritmo competitivo".
Apunta que "a vimos ben. Démoslle 90 minutos para que tivese esa rodaxe porque fisicamente está moi ben. Está moi ilusionada. O seu gol deulle moita confianza e véxoa cada vez mellor. Está lonxe aínda do nivel que pode dar pero pódenos axudar moito. Estou contento da súa progresión".
Pola súa banda, o FC Barcelona lidera a táboa con 60 puntos de 63 posibles.
As azulgrana ademais suman 94 goles a favor en 21 partidos por unicamente 5 en contra.
No partido da primeira volta disputado no Estadi Johan Cruyff o pasado 9 de novembro venceron as culés (8-0).
Fóra de casa o FC Barcelona gañou ao Athletic Club (1-8), Sevilla FC (0-5), SD Eibar (0-4), Atlético de Madrid (0-6), Levante (UD), FC Badalona Women (1-5), Alhama CF (0-2), DUX Logroño (0-3) e Granada CF (0-2); e caeu unicamente coa Real Sociedad (1-0) no seu único encontro perdido no que vai de competición.
As azulgrana veñen de empatar (0-0) en casa do FC Badalona Women no partido de ida da semifinal da Copa de la Reina.
Finalizado o choque, As Nosas adestraranse de novo o martes 17 de marzo ás 10:45 no Dépor Training Center.
