RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "Temos moita confianza en que esta segunda volta vai ser moi boa"

Fran Alonso asegura que o partido ante o UD Costa Adeje Tenerife deste domingo 11 de xaneiro ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR é "especial porque é o primeiro partido do ano. O ano pasado foi o mesmo rival aínda que fóra. Xa todos sabemos o que pasou. Unha primeira parte moi boa e afundímonos na segunda. Este ano, sendo en casa, queremos empezar ben o ano. É o último partido da primeira volta. Temos moita confianza en que esta segunda volta vai ser moi boa baseado en como están a adestrar as xogadoras. Véxoas moi enchufadas, véxoas moi ben".

Subliña que "hai moitísima ilusión de poder conseguir os 3 puntos, de empezar ben o ano. Son cinco meses de competición nos que imos dalo todo para poder ver ao Dépor ABANCA o máis alto posible. E para darlle vitorias a #ANOSAFORZA que non tiveron tantas como creo que estamos capacitados".

Do conxunto canario opina que "ten as ideas claras. Poden filtrar pases, senten cómodas. Se lles apertas teñen moi bo xogo directo. Recepcionan moi ben, é moi forte en caídas. Perderon con Amani índose ao Bayern porque é unha xogadora clave nesas caídas. Carga a área con moitas xogadoras, con moito centro lateral, e son moi efectivas. E non concede moitas ocasións", engade.

Conclúe Fran Alonso que "é un rival moi bo, moi forte. Non sabemos exactamente que cambios van ter con Yeray, o novo adestrador. Centrámonos no que estaban a facer até agora e sobre todo en nós, en tentar impor o noso xogo".