RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano advirte que en San Mamés hai que ter "consistencia defensiva os 90 minutos"

Gaizka Garitano lembrou hoxe na sala de prensa de Abegondo a dificultade de gañar en San Mamés, mañá sábado 11 de febreiro ante o Athletic Club (18:30, Bein Sports): "Só perderon alí contra o Barcelona. É un equipo moi forte especialmente na casa. Nós tamén imos con ganas, imos con necesidade, imos con todo o que se necesita para sacar un bo resultado".

O técnico deportivista matiza que o Deportivo "non necesita facer unha revolución ou facer inventos. Sei o que imos facer". Iso si, advirte que "temos que cambiar algúns detalles como entrar ben no partido, que os dous últimos partidos non o fixemos. E logo, cando vas a eses campos tes que ter unha consistencia defensiva, sen balón facer un gran traballo porque con balón facemos cousas boas. Sen balón temos que ter unha consistencia non a intres, senón de 90 minutos, que nos permita manter a portería a cero ou estar sempre como moito nun gol".

Do Athletic, destaca a "futbolistas determinantes, que no último cuarto de campo son moi fortes. Na área rival son un equipo moi forte. Ten refachos de 15, 20 minutos moi fortes que che mete debaixo da portería. Aí temos que defender ben".

Valora positivamente o feito de contar con todo o seu plantel, excepto o meta Davy Roef: "É bo porque aumenta a competencia, e fai que ninguén se relaxe, que todo o mundo teña que pelexar por un posto. Mesmo por entrar na convocatoria. É unha situación que non vivimos en todo o ano e que agora teño a sorte de poder deixar xente fóra".

Preguntado sobre a presión que rodea ao equipo, Garitano cre que "outros equipos non teñen a esixencia que temos nós tendo as mesmas posibilidades. Porqué? Porque este Club é un Club grande. Non ten que servir de queixa. Anímanos a traballar máis, a esixirnos máis, a estar a unha altura cada vez máis alta, máis esixente".

Neste sentido, ve "máis esixencia que posibilidades. Pero as posibilidades non son malas, son boas. Pero a esixencia supera ás posibilidades. Non me queixo das posibilidades que teño".