RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano na súa despedida: "Confío plenamente no proxecto do Club e nos xogadores"

Gaizka Garitano, tras despedirse do persoal no vestiario de Abegondo, compareceu ante os medios de comunicación nunha ateigada sala de prensa da cidade deportiva.

O técnico vasco tomou a palabra en primeiro lugar:

"Quixera despedirme dando as grazas a todo o mundo, empezando pola afección. Moitas grazas polo apoio de todos estes meses. Grazas tamén a todo o Club, a todos os traballadores, especialmente a Tino e a toda a súa xunta directiva polo trato que recibín; a Richard Barral pola súa honestidade e pola axuda durante todos estes meses; a todos os futbolistas, hoxe despedinme deles; a todos vós polo respecto que tivestes durante este tempo. Desexarvos a partir de hoxe todo o mellor. A partir de hoxe serei un deportivista máis. Oxalá o futuro sexa bo para todos".

A continuación, someteuse a todas as preguntas que quixeron formular os medios de comunicación.

Non quixo falar de xustiza ou non no seu cesamento. "Ante a presión dos malos resultados dos últimos partidos, o Club buscou un revulsivo. E nestes casos é o adestrador o que paga. Eu sempre estiven a disposición do que pensaba o Club que era o mellor e se entende que o mellor é isto, acéptoo e oxalá as cousas vaian ben a partir de hoxe", apunta.

Conta como foron as súas últimas horas sendo adestrador do Deportivo: "Tanto Richard (Barral) como eu ou Tino (Fernández) funcionamos no cara a cara moi ben. Fomos moi honestos os uns cos outros. Non me vou con nada malo que dicir. Todo o contrario. Foi todo moi normal. Nestes procesos creo que a sinceridade é o mellor".

Recoñeceu que a derrota do pasado sábado en Leganés "incrementou a presión cara a min. O Club tomou esta decisión. Ao final estas cousas pasan no fútbol. O importante non son as persoas. O importante é o Deportivo. Se o Club cre que o mellor é iso pois o teño que aceptar".

Lembra que "nos imos co equipo en Primeira, sen pisar zona de descenso. Cun futuro para o Club alentador en moitos sentidos".

Víase capacitado para seguir: "Confiaba moito nos xogadores, confiaba moito no meu traballo. Sacáriamos adiante a situación. O traballo está a medio facer. Non puiden acabalo. Seguramente o adestrador que veña acabarao ben. Confío plenamente no proxecto do Club e nos xogadores".

Reflexiona sobre a sorte do Dépor neste tramo do campionato: "É un xogo. Necesitas facer ben o traballo e logo ter un pouquiño de sorte. É verdade que en momentos puntuais que o necesitamos non tivemos sorte. Non creo que os puntos que temos correspondan ao que demostramos no campo".

Advirte que "nos trouxeron aquí para dous obxectivos claros. Un era poder manter o equipo dunha maneira máis folgada da que se fixo nos dous últimos anos, que se fixo na última xornada. O equipo está en Primeira pero é verdade que estamos na pelexa. Iso non puidemos facer. E logo vin para arranxar uns problemas que había bastante graves no vestiario. Nese aspecto o vestiario hoxe en día é profesional, funciona dunha maneira que non funcionaba ao final do ano pasado. Nese aspecto as cousas melloraron".

Asegura que o plantel "está capacitada para manterse en Primeira División. Animicamente o Dépor necesita un par de resultados bos e recuperar ese ton anímico que che dan os malos resultados. O demais confío plenamente neles, no traballo do novo adestrador, do Club, da Dirección Deportiva. Confío moito en todos porque os coñezo ben, traballei con eles. Creo que as cousas sairán ben".

Unha vez finalizada a súa comparecencia, Gaizka Garitano despediuse un por un de todos os profesionais que seguen diariamente na cidade deportiva de Abegondo a información do Deportivo.