RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gelucho, porteiro deportivista a finais dos anos 50, faleceu aos 87 anos

- Gelucho, primeiro pola dereita de pé, nunha formación da Temporada 1958-1959 -

Ángel Fernández Vázquez, máis coñecido como Gelucho, porteiro deportivista na Temporada 1958-1959, faleceu onte martes 18 de maio aos 87 anos de idade.

Gelucho converteuse nun dos reforzos deportivistas no verán de 1958, cando chegou á Coruña procedente do Turista vigués. A temporada anterior, o equipo branquiazul, recentemente descendido após a súa 'década de ouro' (de 1948 a 1957 en Primeira División) salvara a súa praza en Segunda nunha dramática promoción fronte ao CD Ourense.

Aquel nefasto curso deu paso a unha profunda remodelación do cadro. Producíronse abundantes saídas, como as de ilustres da talla de Otero, Rodolfo, Juananco, Tino ou Irusquieta, ou as dos 'salvadores' irmáns Mendonça, Fernando e Jorge, vitais no tramo final da campaña anterior. E un bo número de incorporacións, como os regresos de Moll e Oswaldo, a fichaxe dunha lenda do FC Barcelona como Manchón, ou a chegada desde o Victoria CF de Amancio e Jaime Blanco. Do Turista, xunto a Gelucho, chegou outro home que faría historia coa camiseta branquiazul: Veloso.

Gelucho tivo a difícil misión de compartir, xunto a outro recentemente chegado, Rafa Sáez, a responsabilidade de tapar o oco deixado pola marcha de 'Parrocho' Otero ao Real Betis. Gelucho gañou a batalla particular, xogando 20 partidos (19 de titular) nos que encaixou 23 goles, por 11 do seu compañeiro, que recibiu nada menos que 26. O debut de Gelucho tivo lugar o 21 de setembro de 1958 en partido ligueiro en campo do Girona FC, mentres que o seu último encontro foi o 16 de maio de 1959, en Madrid fronte ao AD Plus Ultra no torneo copeiro.

O equipo deportivista non pasou os apuros do curso anterior, acabando na sétima posición do Grupo Norte de Segunda División, pero a directiva non renovou a Gelucho, que após 23 encontros oficiais (20 de Liga e 3 de Copa) puxo rumbo ao CD Ourense. Para suplilo, o Deportivo contratou a temporada seguinte a Juan María Emery, pai do actual adestrador Unai Emery.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros. DEP