O Fabril regresou á competición após o parón do Nadal este domingo 4 de xaneiro cunha goleada por 0-4 ao Real Valladolid Promesas nos campos anexos ao Estadio José Zorrilla, en partido correspondente á 17ª xornada en Segunda Federación.
Con este resultado, o filial suma 34 puntos e é campión de inverno ao finalizar na 1ª posición a primeira volta do campionato.
Foi baixa por lesión Damián Canedo; por sanción Vilela, expulsado ante o Real Ávila CF no último partido do ano 2025; e por estar citado co primeiro equipo Bil.
Por contra, foron titulares Noé, Quique Teijo e Samu, todos eles en dinámica do primeiro equipo nas últimas semanas.
Non quixo sorpresas o conxunto de Manuel Pablo, quen no entanto tivo que defender as rápidas transicións valisoletanas nos instantes iniciais.
Asi, aos 11 minutos, Domínguez recolle un balón na área local cedido por Nájera, burla a Álvaro na súa saída, e adianta ao filial deportivista.
Esta tanto noqueou aos blanquivioletas. De feito, Noé tivo nas súas botas o 0-2 pero topouse co meta Álvaro.
Seguiu acumulando ocasións o Fabril, como un disparo de Fabi (minuto 17) e outro de Domínguez (minuto 23) que desbaratou o porteiro valisoletano.
No minuto 28, Domínguez rouba na saída de balón do Real Valladolid Promesas, mete en profundidade a Nájera que pica o balón sobre a saída de Álvaro.
Golpeaba de novo o Fabril para encarrilar definitivamente o encontro.
No entanto, desperdiciou o Real Valladolid Promesas a posibilidade de meterse no partido no minuto 35.
O colexiado do encontro, o asturiano Carlos Fernández, decretou pena máxima moi rigorosa nun forcejero na área do Fabril entre Samu e Carvajal.
Hugo Ríos detén o penalti ao propio Carvajal e mantén a vantaxe do Fabril.
Así se chegou ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, o Fabril sentenciou o encontro.
Dani Estévez dispara por todo o recanto desde a frontal da área no minuto 46. Imparable para Álvaro.
Partido sentenciado cun marcador que redondeou Domínguez no minuto 56.
O canteirán, con frialdade, resolve na área colocando o balón raso lonxe do alcance de Álvaro após unha transición protagonizada por Mane.
Co partido resolto, Manuel Pablo comeza a mover o banco coa entrada de Pablo Cortés, Enrique Fernández, Héctor Areosa e Garrido.
Aínda que Nájera puido subir o quinto pouco despois, ao Fabril foille suficiente con ir deixando pasar os minutos ante un rival xa cos brazos caídos.
O proximo sábado 10 de xaneiro ás 16:00, o Fabril recibe no campo Arsenio Iglesias ao Coruxo FC no primeiro partido da segunda volta.
Real Valladolid Promesas: Álvaro, Alin, Iago Parente, Yago S.M. (Mario Domínguez, min. 46), Jesús Martínez (Murcia, min. 46), Sergi Esteban (Tomy, min. 77), Riki (César Porras, min. 46), Aranda, Rulo, Koke e Carvajal (Yago Rodríguez, min. 65)
Fabril: Hugo Ríos, Pablo García, Quique Teijo (Malick Ndiaye, min. 82), Samu, Hugo Torres, Dani Estévez (Enrique Fernández, min. 64), Noé (Garrido, min. 64), Domínguez, Fabi (Héctor Areosa, min. 64), Mane (Pablo Cortés, min. 56) e Nájera
Árbitro: Carlos Fernández Buergo, do comité asturiano. Amoestou a Domínguez (min. 42)
Goles: 0-1 Domínguez (min. 10); 0-2 Nájera (min. 28); 0-3 Dani Estévez (min. 47); 0-4 Domínguez (min. 56)
Incidencias: partido disputado no Anexo ao Estadio José Zorrilla nunha mañá moi fría
