RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

"Amargo" empate do Dépor en ABANCA-RIAZOR ante o Cadiz CF a pesar de ser "un equipo dominador, con moito control do xogo"

O Dépor arrincou este domingo 4 de xaneiro con empate (2-2) ante o Cádiz CF un esixente mes de xaneiro.

Após os gaditanos chegarán en liga a UD Las Palmas e UD Almería lonxe de ABANCA-RIAZOR; e Real Racing Club en casa. Todos equipos instalados na zona nobre.

Entre medias, haberá cita copeira, oitavos de final, cun dos equipos 'grandes' de España en ABANCA-RIAZOR.

Antonio Hidalgo falou na sala de prensa de sensación "amarga. Aquí só vale meter goles e cando metes os mesmos que o rival é un punto para cada un".

Con este empate, o Dépor suma 33 puntos na 5ª posición.

Os Nosos presentáronse ante #ANOSAFORZA con dous novos reforzos: o porteiro Álvaro Ferllo e o lateral dereito Adrià Altimira. Ambos foron titulares en detrimento de Germán e de Lucas Noubi, que pasou ao centro da zaga xunto a Loureiro.

O técnico deportivista explicou que "cría que era o momento de darlle unha volta á portería. Coñezo perfectamente o que nos podía dar. E con Alti non sabiamos se polo de inicio ou non. Fixo un gran partido ata que puido. Estou moi contento coa actuación dos dous".

Coas ausencias dos lesionados Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann, o dianteiro Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.

O outro cambio respecto ao once foi a presenza de Stoichkov por Eddahchouri na punta de ataque.

Adiantouse pronto o Dépor no marcador. Mella recolle un balón na área e, a pesar de estar case sen ángulo, marca após tocar o balón nun defensa e despistar á meta Aznar.

Empatou o Cádiz CF aos 20 minutos nunha xogada ensaiada que rematou o lateral Jorge More libre de marca na área.

O partido volvía á casa de saída, pero por pouco tempo.

Villares xuta desde a frontal da área e o balón cóase na portería do Cádiz CF após tocar nun defensor amarelo. O Dépor volvía porse por diante.

O porteiro Aznar evitou o terceiro do Dépor ao despexar na mesma raia de gol unha cabezada no segundo pau de Loureiro, libre de marca.

Así se chegou ao descanso.

Após o paso polos vestiarios Aznar evita o terceiro nunha gran parada a disparo de Stoichkov. Corría o minuto 57.

As chegadas sucedíanse sobre todo en área cadista.

Iso si, os de Garitano inquietaron a Álvaro Ferllo con disparos de García Pascual (minuto 67) alto; e de Álex Fernández (min. 71) á dereita da portería deportivista.

Mario Soriano, no 77, estrela o balón no lateral da rede amarela após recibir de Stoichkov.

O partido torceuse na recta final posto que igualou o Cádiz CF no minuto 85 nunha contra que resolveu de maneira individual Tabatadze.

O preparador branquiazul cre que é un gol "moi evitable. Podemos parar esa contra. Nese un contra un podemos decidir cara a onde orientar ao xogador. Non o podemos recibir nunca".

Con este mazazo chegouse ao final do encontro.

"Fomos un equipo dominador, con moito control do partido, chegamos moitas veces á área contraria, puidemos facer o terceiro e non foi así", concluíu Antonio Hidalgo.

Deportivo: Álvaro Ferllo, Altimira (Dani Barcia, min. 80), Lucas Noubi, Loureiro, Quagliata, Villares (Eddahchouri, min. 86), Mario Soriano, Mella (Patiño, min. 70), Yeremay, Luismi e Stoichkov (Bil, min. 80)

Cádiz CF: Aznar, Jorge More, Moussa, Íker Recio, Brian (Antoñito Cordero, min. 51), Ortuño (Álex Fernández, min. 69), Dawda (Tabatadze, min. 69), De la Rosa (Roger, min. 69), Climent, García Pascual e Juan Díaz

Árbitro: Alejandro Ojaos, do comité murciano. Amoestou a Mario Soriano (min. 20), Mella (min. 32), Brian (min. 44), Quagliata (min. 72), Climent (min. 74), Loureiro (min. 89) e García Pascual (min. 90)

Goles: 1-0 Mella (min. 6) 1-1 Jorge More (min. 21); 2-1 Villares (min. 24); 2-2 Tabatadze (min. 85)

Incidencias: partido da 20ª xornada de LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 23.453 espectadores