RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril "con bo ambiente" retoma a competición após o parón do Nadal coa visita ao Real Valladolid Promesas este domingo 4 ás 12:00

O Fabril regresa á competición após o parón do Nadal este domingo 4 de xaneiro ás 12:00 coa visita ao Real Valladolid Promesas nos campos anexos ao Estadio José Zorrilla, en partido correspondente á 17ª xornada en Segunda Federación.

Ante o partido que suporá o final da primeira volta, os de Manuel Pablo, con 31 puntos, lideran a competición empatados coa Gimnástica Segoviana CF (2º).

O técnico fabrilista explicou en rolda de prensa que o parón por Nadal serviu para "desconectar, pensar pouco en fútbol, estar coa familia e amigos".

De volta ao Dépor Training Center, "desde o primeiro día estamos a tentar entrar en dinámica, non perder moitas das ideas que tiñamos, e con bo ambiente".

Pide "seguir na mesma liña que traiamos a pesar de que o último partido sufrimos bastante".

É baixa por lesión Damián Canedo e por sanción Vilela, expulsado ante o Real Ávila CF no último partido do ano 2025.

Finalmente Manuel Pablo insiste en que o seu equipo compita porque "canto mellor compitas máis posibilidades teñen os xogadores de dar o salto".

Pola súa banda, o Real Valladolid Promesas marcha na 14ª posición con 15 puntos.

No seu campo os valisoletanos esta temporada gañaron ao CD Lealtad de Villaviciosa (4-1) e á SD Sarriana (3-0); empataron coa Gimnástica Segoviana CF (2-2), Salamanca CF UDS (0-0) e Rayo Cantabria (1-1); e caeron co Atlético Astorga CF (1-3), Marino de Luanco (0-2) e Coruxo FC (0-3).

O seu técnico, Javi Baraja, asegura que "cada vez imos crecendo máis, temos mellores fases dentro dos partidos de control dos mesmos".

Así pois, espera "bos resultados que lles dean a confianza suficiente para madurar a nivel mental nunha situación máis incómoda para eles".

Advirte o adestrador valisoletano que ante outro filial como é o Fabril "sempre estamos en igualdade de condicións e temos que ser capaces de demostrar que queremos xogar e dominar".