RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril golea ao Atlético Astorga FC nun partido "moi completo" e aumenta a 7 puntos a súa vantaxe á fronte da táboa

O Fabril superou ao Atlético Astorga FC (3-0) no campo Arsenio Iglesias con goles de Héctor Areosa, Dipanda e Mane nun partido que Manuel Pablo caificó como "moi completo".

Con este resultado, e a falta de 5 choques, os fabrilistas suman 60 puntos e avantaxan en 7 puntos á fronte da táboa ao Oviedo Vetusta, que perdeu co Rayo Cantabria.

Manuel Pablo, que esta mesma semana renovou o seu contrato co Club até 2028, contou coas baixas dos lesionados Damián Canedo, Vilela, Manu Ferreiro, Garrido, Pablo Cortés e Hugo Ríos, con molestias nun xeonllo pendente de avaliación médica; ademais dos sancionados Nájera e Noé; e Bil, titular co Deportivo ante o Sporting de Gijón.

Si xogou Samu, que este sábado 28 sentou no banco do primeiro equipo en El Molinón. 

Precisamente Garrido será operado este luns 30 de marzo no Hospital Quirónsalud A Coruña a cargo do traumatólogo Óscar Gayoso da súa lesión na musculatura isquiotibial.

O partido comezou co guión que previra Manuel Pablo, que na rolda de prensa previa pedira "ter paciencia para buscar as oportunidades para facerlles dano".

O Fabril tentábao fundamentalmente pola banda de Mane, "que aí abrimos unha porta e tivemos algúns remates".

Pero o encontro abriuse pasada a media hora cun rigoroso penalti cometido ao propio Mane case ao bordo da área que transformou Héctor Areosa.

"Unha vez que se abriu mantivemos a mesma calma, seguir no partido, que non nos confiaramos", apuntou o técnico fabrilista.

De feito, apenas 4 minutos despois, Dipanda rouba un balón a Pedro Augusto na frontal da área, encara á meta Llamazares e supérao cun disparo axustado ao pau esquerdo.

O partido quedaba encarrilado.

Após o paso polos vestiarios, o Fabril comezou a mover o banco coa entrada de Papa e Fabi por Enrique Fernández e Héctor Areosa.

Sen apenas perigo na portería que defendeu Álex Marqués, substituto de Hugo Ríos, Mane sentenciou o encontro co terceiro gol no minuto 76. Fabi rouba un balón no medio campo, mete en profundidade a Íker Gil, que pouco antes substituíra a Dipanda. O xuvenil cede á súa dereita para que Mane remate a pracer.

Manuel Pablo destaca que "tentamos que todos estean conectados. A identidade do equipo é reconocible sempre. Eles sábeno. Están confiandos, con ganas e ilusión e iso lévalles a mostrar a súa mellor versión".

Con algunha que outra chegada perigosa pero sen cambios no marcador finalizou o encontro.

O vindeiro domingo 5 de abril ás 17:00 a Fabril visita ao Burgos CF Promesas na Cidade Deportiva de Castañares.

Fabril: Álex Marqués, Quique Teijo, Aarón, Samu, Íker Vidal (Pablo García, min. 83), Dani Estévez, Enrique Fernández (Papa, min. 65), Mane (Hugo Torres, min. 83), Héctor Areosa (Fabi, min. 65), Domínguez e Dipanda (Íker Gil, min. 72)

Atlético Astorga FC: Llamazares, Jony Lopes, Pedro Augusto (Aleixo, min. 46), Albertín, Peláez, Ayub, David Álvarez (Ivi Vales, 46), Nistal (Ribeiro, min. 25), Álvarez (Guillem, min. 56), Seyes e Sekou Kante (Canito, min. 67)

Árbitro: Eduardo Rodríguez, do colexio asturiano. Amoestou a Héctor Areosa (min. 14), David Álvarez (min. 15), Pedro Augusto (min. 37), Jony Lopes (min. 45), Ivi Vales (min. 61), Albertín (min. 63), Enrique Fernández (min. 64), Aleixo (min. 78) e Peláez (min. 87)

Goles: 1-0 Héctor Areosa (min. 37); 2-0 Dipanda (min. 41); 3-0 Mane (min. 76)

Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias cunha gran entrada de afeccionados