O Fabril venceu por 3-1 ao CD Lealtad este domingo 22 de marzo no campo Arsenio Iglesias en partido correspondente á 28ª xornada en Segunda Federación.
Con este resultado, e a falta de 6 xornadas para o final, o conxunto fabrilista suma 57 puntos por 53 puntos do Oviedo Vetusta, 2º clasificado.
"Estamos aí, sempre nesa loita. Complícase para todos. Temos que seguir na mesma liña", afirmou Manuel Pablo.
Foron baixa para o encontro Damián Canedo; Manu Ferreiro; Vilela; Garrido, cunha lesión nun isquiotibial; e Pablo Cortés, cunha lesión no recto anterior.
O preparador fabrilista puido contar con Samu Fernández, que este sábado 21 foi suplente en ABANCA-RIAZOR co primeiro equipo; pero non con Bil, titular no Dépor.
Adiantouse pronto o Fabril. Dipanda rouba un balón ao central Palomeque, encara en solitario a Junquera e báteo por baixo con tranquilidade.
O partido parecía encarrilado pero cambiou de rumbo aos 11 minutos. Nájera recibe unha clara falta na frontal da área que lle custa unha amarela a Jaime; pero o fabrilista encaixa mal esa acción e empuxa ao asturiano, que cae ao chan. "A reacción de Nájera é rara pero equivocouse totalmente", opinou Manuel Pablo.
Domínguez saca a falta directa ao pau dereito da portería do CD Lealtad. O balón golpea no corpo da meta Junquera e márchase a córner.
"Arrincamos ben pero a partir da expulsión complicóusenos. Mantivemos máis ou menos a orde pero ao estar cun menos te vas afundindo máis", apuntou o técnico fabrilista.
Aos 19 minutos, o CD Lealtad saca unha falta directa que obriga a Hugo Ríos a desviar nunha gran parada.
Non só non sufría o Fabril senón que foi capaz de ampliar vantaxe.
Noé métese na área por banda esquerda, centra raso ao corazón da área e Dipanda bate de novo por baixo ao porteiro asturiano: 2-0.
Pero o CD Lealtad non quixo renderse. "Ao final da primeira parte bombardearon a nosa área con centros laterais e afundímonos demasiado. Tocou sufrir neses momentos", indicou o preparador do Fabril na sala de prensa.
Así, Nacho Estrada recorta diferenzas no marcador nunha contra que colle descolocada á defensa fabrilista. Hugo Ríos non puiden facer nada para desviar o remate do asturiano, que estaba libre de marca.
Con 2-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Mane releva a Héctor Areosa. "O cambio foi para buscar máis velocidade por fóra aproveitando que Domínguez se metía máis dentro", matizou o adestrador do Fabril.
E foi precisamente Mane, coas pernas frescas, o que ampliou a vantaxe. Conduce unha contra polo carril esquerdo e, desde fóra da área, coloca o balón no recanto esquerdo da meta asturiana.
Ademais, Jaime viu o seu segundo cartón amarelo, co que os dous equipos igualaban os seus efectivos no céspede.
Manuel Pablo admite que "ese gol nos deu osíxeno. E máis a expulsión deles. Igualouse todo e tivemos oportunidades para irnos ao final máis tranquilos".
Co partido controlado foron pasando os minutos.
No minuto 68 Mane, ao saque dunha falta na frontal da área, estrela o balón no traveseiro da portería do CD Lealtad.
No outro área, Saza cabecea un centro lateral ás mans de Hugo Ríos.
O colexiado do encontro, o cántabro Miguel Gómez, anulou un tanto por fóra de xogo ao atacante xuvenil Íker Gil, que substituíra antes a Dipanda.
De novo Íker Gil probou fortuna no minuto 89 cun potente disparo raso desde fóra da área. O balón saíu lixeiramente desviado.
O partido pechouse cunha clara oportunidade para o Fabril xa no desconto. Mane márchase do seu par en banda esquerda, mete un balón á área para que Papa, entrando desde atrás, remate a pracer. Salvou Junquera cunha gran parada.
O domingo 29 toca de novo partido no campo Arsenio Iglesias, ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) ante o Atlético Astorga FC. "Perdemos a 2 xogadores importantes como Noé e Nájera. Temos que seguir adestrando como vimos adestrando, que a xente que xogue menos aperte", pediu Manuel Pablo.
Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo (Enrique Fernández, min. 65), Aarón, Samu, Íker Vidal, Estévez, Noé (Papa, min. 80), Nájera, Héctor Areosa (Mane, min. 46), Domínguez (Mario Hermo, min. 65) e Dipanda (Íker Gil, min. 73)
CD Lealtad: Junquera, Palomeque (Mateo, min. 46), Blanco (Omar Hernández, min. 72), Nico Pereira (Saza, min. 65), Jaime, Luisen, Braña (Riki, min. 65), Argüelles, Yerpes, Nacho Estrada (Samu Montes, min. 58) e Cisse
Árbitro: Miguel Gómez, do comité cántabro. Amoestou a Jaime (min. 10 e min. 54), Hugo Ríos (min. 12), Nico Pereira (min. 22), Noé (min. 23), Blanco (min. 26), Yerpes (min. 47), Jaime (min. 54), Cissé (min. 67), Mane (min. 87) e Omar Hernández (min. 90). Expulsou con vermella directa a Nájera (min. 11)
Goles: 1-0 Dipanda (min. 9); 2-0 Dipanda (min. 31); 2-1 Nacho Estrada (min. 45); 3-1 Mane (min. 50)
Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias correspondente á 28ª xornada en Segunda Federación
