RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Valioso e máis que merecido punto do Fabril no campo do terceiro clasificado, a Gimnástica Segoviana Cf

O Fabril superou esta fin de semana un exame esixente en Segunda Federación, a visita á Gimnástica Segoviana CF este sábado 14 de marzo no campo de La Albuera.

O filial rabuñou un punto cun empate sen goles (0-0) que ben puideron ser 3 se a fortuna e a puntaría acompañasen.

Con este resultado, o conxunto de Manuel Pablo suma 54 puntos á fronte da táboa, á espera do que faga o Oviedo Vetusta (52 puntos) este domingo 15 ás 12:00 ante o Real Ávila CF.

Foron baixa por lesión Damián Canedo, Vilela e Manu Ferreiro, intervido cirurxicamente este luns 9 de marzo dunha rotura no tendón proximal da musculatura isquiotibial da súa perna dereita en Barcelona polo doutor Jordi Puigdellívol. O período de recuperación non será inferior a 5 meses.

Ademais, Domínguez cumpriu partido de sanción por acumulación de amoestacións.

Tampouco estiveron Samu e Pablo García, que o pasado xoves foron titulares co Xuvenil A en a semifinal da Copa del Rey en Lugo.

En rolda de prensa o venres 13, antes de subirse ao autocar, Manuel Pablo mostrouse "contento polos dous. Sei que estas competicións son moi bonitas para os xogadores. Tiñan moitas ganas".

Os primeiros minutos foron moi igualados. De feito, o primeiro tiro a porta correu a cargo de Marc Tenas, desviado, pasado o cuarto de hora.

Respondeu Dipanda nunha veloz contra sen consecuencias para a portería de Carmona.

Apertou o conxunto local. No minuto 19, Silva, ao saque dunha falta lateral, estrelou o balón no pau dereito da portería de Hugo Ríos.

Á media hora puido marcar Mane nunha gran xogada de Fabi, que volvía ao equipo após superar a súa lesión. Non estivo afortunado no seu remate o atacante fabrilista, en Segovia en posicións máis ofensivas.

Con 0-0 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, a quenda foi para Nájera, cuxo chute se foi fóra por pouco.

Acto seguido, o remate de Dipanda atallouno o porteiro local Carmona.

Empezou Manuel Pablo a mover o banco: Garrido e Pablo Cortés relevan a Fabi e Mane.

Co partido controlado polo Fabril foron pasando os minutos.

A recta final deixou o debut de Guille, que relevou a Mario Hermo; e de Papa Niang, que substituíu a un lesionado Garrido.

A última oportunidade do encontro foi fabrilista. Correu a cargo de Héctor Areosa, que a punto estivo de sorprender a Carmona.

Sen goles chegouse ao final.

O vindeiro domingo 22 de marzo ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) o Fabril recibe no campo Arsenio Iglesias ao CD Lealtad de Villaviciosa.

Gimnástica Segoviana CF: Carmona, Íker, Josin, Manu, Juanma (Piñeiro, min. 87), Marc Tenas (Castro, min. 60), Borrego (Ivo, min. 66), Fer Llorente, Rubén Yubero, Silva e Pau Miguélez (Ayán, min. 60)

Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo, Mario Hermo (Guille, min. 83), Aarón, Íker Vidal, Enrique Fernández, Noé, Fabi (Jaime Garrido, min. 71 e Papa Niang, min. 83), Mane (Pablo Cortés, min. 71), Nájera e Dipanda (Héctor Areosa, min. 88)

Árbitro: Alejandro Tomei Alonso, do comité canario. Amoestou a Fer Llorente (min. 42), Quique Teijo (min. 70)

Incidencias: partido disputado no Estadio de La Albuera ante 2.363 espectadores