RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril consciente que "cada partido é unha loita" mídese este domingo 22 ás 17:00 ao CD Lealtad no campo Arsenio Iglesias

O Fabril recibe ao CD Lealtad este domingo 22 de marzo ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias en partido correspondente á 28ª xornada en Segunda Federación.

O empate a pasada fin de semana en Segovia e os resultados do resto da xornada deixaron ao filial á fronte da táboa con 54 puntos por 52 do Oviedo Vetusta, 2º clasificado.

Manuel Pablo admitiu que "estamos pendentes da enfermaría pero de ánimos estamos ben, contentos polo punto que sacamos, polo partido que fixemos (ante a Gimnástica Segoviana CF)".

Queda con que no campo de La Albuera de Segovia "fomos aos poucos mellorando" e insiste en que "cada partido é unha loita".

Son baixa para o encontro por lesión Damián Canedo; Manu Ferreiro; Vilela; Garrido, cunha lesión nun isquiotibial; e Pablo Cortés, cunha lesión no recto anterior.

O preparador fabrilista poderá contar con Samu Fernández, que esta tarde foi suplente en ABANCA-RIAZOR co primeiro equipo; á vez que chanceou sobre Bil ante os medios: "Non existe xa para nós".

Pola súa banda, o CD Lealtad de Villaviciosa, que a pasada fin de semana caeu por 3-0 ante o Bergantiños CF, é 17º con 24 puntos.

"Está a xogarse non descender", apunta o técnico fabrilista á vez que lembra que "nós non gañamos alí (0-0 na primeira volta)".

Así pois, Manuel Pablo insiste en "non confiarnos pola clasificación".

Lonxe do seu campo, o equipo asturiano gañou ao Oviedo Vetusta (1-2), CD Numancia de Soria (0-1) e UD Sámano (0-2); empatou co Burgos CF Promesas (2-2) e Marino de Luanco (0-0); e caeu ante a SD Sarriana (2-0), Real Ávila CF (1-0), Real Valladolid Promesas (4-1), Coruxo FC (1-0), UP Langreo (4-0), Gimnástica Segoviana CF (2-1), Rayo Cantabria (1-0) e Bergantiños CF (3-0).

O RC Deportivo activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. 

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.