RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Exame esixente para o Fabril este sábado 14 ás 19:00 no campo do terceiro clasificado, a Gimnástica Segoviana CF, "un dos grandes rivais"

O Fabril pasa esta fin de semana un exame esixente en Segunda Federación, a visita á Gimnástica Segoviana CF prevista para este sábado 14 de marzo ás 19:00 no campo de La Albuera.

Manuel Pablo definiu ao conxunto castelán como "un dos grandes rivais" do grupo.

O filial deportivista, que a pasada fin de semana superou por 2-1 ao Rayo Cantabria no campo Arsenio Iglesias, lidera a táboa con 53 puntos por 52 do Oviedo Vetusta, o seu inmediato perseguidor.

Onte xoves, Samu e Pablo García foron titulares co Xuvenil A na semifinal da Copa del Rey en Lugo.

En rolda de prensa, Manuel Pablo mostrouse "contento polos dous. Sei que estas competicións son moi bonitas para os xogadores. Tiñan moitas ganas".

Achaca a "esa tensión competitiva que tes nestas situacións" os problemas nos xemelgos de Pablo García, que lle obrigou a pedir o cambio no transcurso da segunda metade. "O outro día xogou aquí contra o Rayo Cantabria no equipo titular. Está a ter menos continuidade do que pensabamos. Ten moita competencia. Está Quique Teijo, Mario Hermo. Hai posicións con tres xogadores para un posto. No lateral tamén hai 3 para un posto só. A min tócame elixir", engadiu.

Son baixa por lesión Damián Canedo, Vilela e Manu Ferreiro, intervido cirurxicamente este luns 9 de marzo dunha rotura no tendón proximal da musculatura isquiotibial da súa perna dereita en Barcelona polo doutor Jordi Puigdellívol. O período de recuperación non será inferior a 5 meses.

Ademais, Domínguez está sancionado por acumulación de amoestacións.

Pola súa banda, a Gimnástica Segoviana CF, que a pasada fin de semana caeu (1-0) co CD Lealtad de Villaviciosa, é 3º con 46 puntos.

Na primeira volta disputada no campo Arsenio Iglesias o pasado 23 de novembro de 2025 venceron por 0-1 os segovianos.

No campo de La Albuera esta temporada a Gimnástica Segoviana CF non coñece a derrota posto que gañou á UD Sámano (3-0), SD Sarriana (1-0), Coruxo FC (2-0), Real Ávila CF (1-0), UP Langreo (1-0), UD Ourense (2-0), CD Lealtad de Villaviciosa (2-1) e Marino de Luanco (3-2); e empatou co Burgos CF Promesas (0-0), Atlético Astorga FC (1-1), Rayo Cantabria (3-3), CD Numancia de Soria (0-0) e Bergantiños CF (1-1).

O seu técnico, Joaquín Gómez, asegurou que "levamos unha moi boa progresión. Estamos a chegar a un punto onde o noso xogo está a ser moi completo. Nesta categoría é moi difícil crear 10 ocasións por partido. Os equipos que queren estar arriba meteranche 1 de cada 2 ou 1 de cada 3 que fagan".

Do Fabril, apunta que "fixeron moitas cousas ben. Teñen xogadores moi completos en moitas posicións pero nós estamos moi centrados en que se atopen un partido que non tiveron aínda, moi difícil".