O Fabril recibe este domingo 29 de marzo ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) ao Atlético Astorga FC en partido correspondente á 29ª xornada en Segunda Federación.
O filial, que a pasada fin de semana venceu no campo Arsenio Iglesias por 3-1 ao CD Lealtad, lidera a táboa con 57 puntos por 53 do Oviedo Vetusta, 2º clasificado.
Manuel Pablo asegura que o seu equipo leva esta situación na táboa "con moita normalidade, sen cambiar hábitos, centrándonos no día a día, estando encima dos xogadores e buscando a forma de afrontar as diferentes situacións que nos podamos atopar durante os partidos".
Subliña que nin se fala do liderado e "só nos centramos no día a día".
A pesar de seguir unha xornada máis na primeira praza, no conxunto deportivista a noticia desta semana foi a renovación de Manuel Pablo até 2028 no banco.
O canario asegura estar "tranquilo, como estaba antes de que asinase. Sabía que acababa contrato pero estaba tranquilo e centrándome en tentar facer as cousas ben. Foi un paso normal. Non me sorprendeu".
Son baixa para o encontro por lesión Damián Canedo, Vilela, Manu Ferreiro, Pablo Cortés e Garrido, que será operado este luns 30 de marzo no Hospital Quirónsalud A Coruña a cargo do traumatólogo Óscar Gayoso da súa lesión na musculatura isquiotibial.
Ademais, Noé, que viu a súa quinta amarela a pasada fin de semana no partido contra o CD Lealtad, e Nájera, expulsado contra os asturianos, están sancionados e non poderán xogar este domingo 29.
Iso si, Manuel Pablo recupera a Samu Fernández, que sentou este sábado 28 no banco do Estadio de El Molinón no partido do Dépor ante o Sporting de Gijón.
Por contra, o Atlético Astorga FC, que a pasada fin de semana empatou (2-2) coa Gimnástica Segoviana CF, marcha na 9ª posición con 40 puntos.
No partido da primeira volta disputado no campo de La Eragudina o pasado 4 de outubro gañou por 0-4 o Fabril con goles de Fabi, Nájera, Noé e Garrido.
Lonxe de Astorga esta temporada o conxunto castelán gañou ao Real Valladolid Promesas (1-3), CD Lealtad de Villaviciosa (1-2), Marino de Luanco (0-1), Real Ávila CF (2-4), UD Sámano (1-3) e CD Numancia (0-1); empatou co Bergantiños CF (0-0), Gimnástica Segoviana CF (1-1) e SD Sarriána (0-0); e caeu co Salamanca CF UDS (2-0), Burgos CF Promesas (1-0), UP Langreo (1-0), Coruxo FC (1-0) e Oviedo Vetusta (1-0).
O RC Deportivo activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.
O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
