Henar amplía o seu compromiso co Dépor ABANCA até xuño de 2024
Henar Muiña Asla (Xixón, Asturias, 20 de outubro de 1999) renovou o seu contrato co Deportivo ABANCA por unha temporada máis, até o 30 de xuño de 2024.
A centrocampista asturiana chegou o pasado verán procedente do CDE Racing Féminas, club no que militou unicamente na campaña 2021-22 despois dun curso no CD Parquesol. Con anterioridade, xogou desde idade infantil no Real Oviedo Femenino (anteriormente Oviedo Moderno CF), conxunto co debutou na máxima categoría nacional con só 15 anos compartindo mediocampo coa ex deportivista Iris Arnáiz. Aquela temporada disputou 23 encontros (12 como titular) e marcou 1 gol na división de honra.
Na presente campaña, Henar converteuse nun alicerce do Deportivo ABANCA, co que disputou 17 dos 18 encontros ligueiros, todos eles como titular e sendo substituída só en 2. O único encontro que non saltou ao terreo de xogo foi por sanción, ao cumprir ciclo de cartóns amarelos.