RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay advirte que na segunda volta "os partidos fóra van ser máis complicados de gañar non só para nós senón para todos os equipos"

Ian Mackay, un dos capitáns do Dépor, pasouse esta mañá pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O gardameta branquiazul, ao fío da nova xesta de onte do Xuvenil A ao clasificarse para a Final Four da Copa do Rei, desexou "como coruñés e deportivista, que o Dépor estivese cheo de canteiráns e de coruñeses. Estamos nun momento no que o Club está nunha categoría que non é a súa. Ten que estar o máis arriba posible. Oxalá fose en Primeira División, pero imos ir paso a paso e oxalá que consigamos o ascenso este ano e o primordial agora mesmo, por desgraza, é o obxectivo principal, que o Dépor estea no fútbol profesional canto antes. O meu desexo persoal é que oxalá fose con todo canteiráns e xente de aquí".

Fala de "un pouco frustrante" as actuacións do equipo fóra de ABANCA-RIAZOR "porque en casa somos moi dominadores, levamos o peso do partido e estamos a sacar bos resultados. Fóra de casa é certo que nos está custando moito levarnos os 3 puntos, creo que desde Ceuta non o conseguimos. Non estamos todo a gusto que nos gustaría".

Non atopa explicación a esta circunstancia: "Oxalá o soubese para poñelo enriba da mesa e poder darlle a volta canto antes a isto. Non son os resultados que queremos, sabemos que temos que sumar de 3 en 3 para poder pelexar e estar o máis arriba posible, pero non o estamos conseguindo, oxalá que esta fin de semana consigamos os 3 puntos e podamos estar a falar doutra cousa".

Lembra que sobre a rega, "o Club fixo unha queixa formal porque nos dicían que regaban o campo e non o regaban, entón para o noso xogo prexudícanos, pero non ten que servir como escusa. É o campo no que imos xogar. Eles xogarán as súas armas, ponnos o campo así, nós témonos que adaptar e tentar sacar os 3 puntos. Non se pode dicir que sexa culpa diso só porque sinceramente non penso que sexa só polo estado do céspede".

Mackay subliña que o pasado domingo en San Sebastián de los Reyes "non sentímonos superados en ningún momento, tampouco é certo que nós fósemos humillantes contra eles. Foi un partido neutral diría eu, quizá máis para o noso lado que para o deles, pero é certo que tampouco tivemos unhas ocasións moi claras: a de Quiles da primeira parte, outra de Max e o tiro de Mario foron as máis claras. Para nós tería que ser unha bagaxe máis ofensiva porque se comparamos cos partidos de ABANCA-RIAZOR, creo que en casa temos moitísimas ocasións comparado cos de fóra. Non pasamos excesivos apuros, creo que a de Pedro Benito foi a máis clara que tiveron eles. Cada partido o equipo contrario ten unha ou dúas, sobre todo fóra de casa créannos máis perigo que en casa", conclúe.

Nesta liña, tamén advirte que "agora a segunda volta os partidos fóra de ABANCA-RIAZOR van ser máis complicados de gañar, non só para nós, senón para todos os equipos. Sacar un triunfo fóra tamén temos que darlle moito valor para cando o consigamos".

Explica que non lle afecta a el un estilo de xogo máis directo: "Eu teño que estar atento a todo o que poida caer por aí. Creo que é máis influente sobre os centrais e o mediocentro se se ten que meter nos centrais ou nas disputas. O xogo rival é menos influente sobre min, senón como xoguemos nós. Se estamos a liña adiantada, teño que estar adiantado; se xogan un balón longo non podes estar tan adiantado porque con pelotazos acábanche metendo atrás; e o que temos que estar atentos é cando xoguen balóns longos en coller as segundas xogadas".

Prefire non facer contas sobre a puntuación necesaria para ser campións: "Son de partido a partido, tentar sacar os 3 puntos sempre e logo xa se verá como chegas, pero se sacas 3 puntos cada fin de semana, eu asegúroche que de aquí ao final es campión si ou si".

Do CF Talavera de la Reina, rival do Dépor este domingo 19 de febreiro ás 12:00 (InSports.tv), resalta que "levaba unha xeira até hai pouco de 6 ou 7 partidos sen encaixar. Antes era un equipo que encaixaba moito. Eles fanse moi fortes na súa casa, o outro día vímolo contra o AD Alcorcón, que acabou pedindo a hora alí no seu campo, tivo que facer o porteiro unha parada moi boa en remate de cabeza e non creo que fose un rival inferior ao Alcorcón".

Valora o conseguir manter por segunda vez consecutiva a portería a cero porque "significa puntuar, é mínimo un punto. Logo coa bagaxe ofensiva que temos e os xogadores que temos arriba, en calquera xogada, en calquera acción, podes levar os 3 puntos. Como porteiro para min é moi importante deixar a portería a cero porque son datos e estatísticas que nos axudan a ver que somos solventes e sobre todo, o fundamental, é que cantos máis minutos teñas a portería a cero máis preto vas estar de gañar".

Finalmente, a nivel individual, Ian Mackay afirma que séntese "mirado con lupa. É difícil estar nun club que cando o porteiro fai moi bo partido significa que o equipo estivo mal. É certo que aquí en ABANCA-RIAZOR non nos chegan en moitas accións, pero as que chegan son claras. Atópome ben desde hai un tempo, quizá o mellor momento antes de lesionarme. Prefiro que me valoren os demais. Son o último elo desta cadea, que non nos consigan facer gol; e tentar axudar ao equipo en todo o que poida".