RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ibai cre que o equipo ten "moitísima marxe de mellora" e que #ANOSAFORZA está "moi por riba das miñas expectativas"

Ibai Gómez foi o protagonista do día na sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista mostrouse "contento" coa súa progresión aínda que é consciente que "teño e podo dar moitísimo máis aínda, pero as sensacións son boas. O que teño que tentar facer é achegar desde o lugar que toque en cada momento. O outro día tocou de inicio, os dous anteriores uns poucos minutos, traballando cada día para tentar buscar a miña mellor versión, pero despois de tanto tempo de inactividade estou contento nese sentido. Falo a nivel de progresión, contento cos resultados non podo estar cando vés dun empate en ABANCA-RIAZOR. Ao final para o que traballas a nivel individual, é para que o colectivo salga ben".

Advirte que "nunca fun un xogador rápido. Non vou destacar por regatear a 6 xogadores. Non son ese tipo de xogador. O que teño claro tamén é que son consciente e eu analizo bastantes cousas. Teño moitos aspectos a mellorar, teño aínda unha marxe de mellora a nivel de rendemento, pero iso cóllese con minutos e é o que estou a tentar. Logo hai moitos conceptos a nivel táctico, como ofensivo, defensivo, que che pide o adestrador. Nese sentido estou moi contento".

Ten a sensación de que "vou achegar moito ao equipo. Teño que ser o primeiro que teño que confiar niso. Estou tranquilo".

Admite do mesmo xeito que Álex Bergantiños onte que o partido deste sábado 24 de setembro en ABANCA-BALAÍDOS (18:00 horas, TVG-2 e InSports.tv) "supón un partido especial por todo. Tanto o Club como cada un de nós o que buscamos é canto antes que sexa o verdadeiro derbi, que para ambas as afeccións sería bonito. O que temos que facer para iso é empezar por gañar o sábado e volver á senda de ir conseguindo de 3 en 3 para conseguir o obxectivo que é do que falamos todos desde principio de temporada".

Percibe que neste tipo de partidos "polo outro lado como quen di non ten nada que perder. Se lle gañas é o que debes de facer e se gáñanche... Non quero nin imaxinalo. Témonos que esixir cada fin de semana e esta é unha fin de semana máis especial, pero temos que tentar conseguir os 3 puntos cada fin de semana. O outro día voume fodido a casa porque, sexa o rival que sexa, o equipo debe sacar os 3 puntos cada fin de semana. Témonos que esixir niso. É certo que estamos pronto, que hai moitas cousas a mellorar, que estamos a traballar para iso, pero a nosa mentalidade ten que ser esa. Temos que ir a ABANCA-BALAÍDOS a sacar os 3 puntos si ou si e poder dar a alegría a #ANOSAFORZA, pero tentar darlla cada fin de semana, non soamente en Vigo".

Despois de competir ao máis alto nivel no Athletic Club e no Alavés, asegura que "o nivel de esixencia é bonito, é precioso e así o temos que tomar. O que nos temos que fixar é que o Dépor é o oitavo club de España con máis abonados, en cada segundo do partido como apoian. Logo obviamente se non consegues os obxectivos tes que asumir que a esixencia é a que é e máis estando onde estamos. Ao final son unhas cantas temporadas nesta categoría. Sabemos que tanto o Club, por infraestrutura, por historia, por afección, por absolutamente todo ten e debe de tirar para arriba. Non é por falta de traballo nin por falta de ganas, pero témonos que autoesixir os primeiros e tamén asumir a esixencia que vén desde fóra. É bo, témolo que tomar como algo positivo a condición de que sexan críticas construtivas, que na maioría dos casos é así. Cando estás nun club como o Deportivo, esa esixencia é enorme e eu estou contento de poder estar aquí porque elixín estar aquí tamén".

Ibai insiste en que "o equipo ten moita marxe, moitísima marxe de mellora e ten que dar unha mellor imaxe. Pero tamén temos que ver que o fútbol de hoxe en día é complicado. Ti ves a Primeira División e ninguén gana fácil. Non vou buscar ningunha escusa, houbo 3 partidos e obviamente non fixemos 3 grandes partidos. Temos 7 de 9. Por ese lado podería ser dentro do que cabe o máis positivo, pero si que é certo que temos que autoesixirnos. Somos os primeiros conscientes de que cada fin de semana temos a obrigación de ir a polos 3 puntos e conseguilos, e temos moi claro cal é o obxectivo do equipo. A partir de aí, moita marxe de mellora, traballar xuntos para tentar mellorar e que o sábado sexa bastante mellor que a fin de semana pasada".

Destaca ademais que o nivel desta Primera RFEF é "alto a nivel individual, a nivel colectivo. É unha categoría que se fixo ademais con ese obxectivo, de facela de moito nivel e vese claramente no día a día. Polo que vou vendo, polos partidos que vin, uns cantos da categoría, e polo que vou vendo no día a día entre nós ilusióname e estou convencido. É difícil dicilo despois de empatar en ABANCA-RIAZOR e despois de como se está vendo desde fóra pero tento sempre ser optimista, que creo que é vital. A min a ilusión e ese optimismo non mo vai a quitar ninguén".

Afeito ao ambiente mítico de San Mamés, Ibai si asegura que #ANOSAFORZA "está mesmo por riba das miñas expectativas. Viña cunhas expectativas moi altas. Xa me falaron, o vira pero nunca te podes imaxinar que despois de levar unhas temporadas onde está o Club, que a xente siga paréceme incrible. Só podo agradecerlles todo o que me están dando desde que cheguei o primeiro día. Estou convencido de que vou conseguir devolverlles en gran parte todo o que me, están a darnos e vannos a dar porque se ve que non fallan. Para nós son moi importantes. O outro día, sen facer un gran partido, creo que o equipo dá a volta ao resultado grazas a eles".