RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ibai Gómez, novo xogador do Dépor 22-23

Ibai Gómez Pérez (Bilbao, Biscaia, 11 de novembro de 1989) será xogador do RC Deportivo na campaña 2022-2023, con posibilidade de ampliar a súa vinculación co Club ao final da mesma.

O extremo esquerdo vasco xogou o tramo final da pasada campaña no Foolad FC iraniano, co que participou na Liga de Campións de Asia, e acumula máis de dous centenares de encontros na máxima categoría do fútbol español.

Formado no Santutxu FC, no que militou desde moi novo, Ibai Gómez fichou pouco antes de cumprir 20 anos polo Sestao River, co que se estreou en Segunda B cun gran desempeño (36 partidos e 8 goles) que lle valeu a fichaxe polo Bilbao Athletic no verán de 2010.

Na súa primeira temporada co filial branquivermello xa deu o salto ao primeiro equipo, co que debutou oficialmente o 17 de outubro de 2010, en partido de Liga ante o Real Zaragoza en San Mamés. Foi un debut agridoce, posto que aos 2 minutos de saltar ao campo sufriu unha lesión de xeonllo que lle mantivo de baixa durante seis meses.

O curso seguinte foi o do seu salto á elite, converténdose en peza importante do Athletic Club de Marcelo Bielsa que alcanzou as finais da Europa League e da Copa do Rei.

O Alavés foi o seu seguinte destino. Incorporouse ao conxunto vitoriano no verán de 2016 e alí xogou dúas temporadas e media, nas que chegou a disputar unha final de Copa do Rei. No mercado de inverno do curso 2018-2019, regresou ao Athletic Club.

Ibai Gómez conta con dous títulos no seu palmarés, as Supercopas de España de 2015 e 2021, aínda que non participou en ningunha das finais.

O futbolista biscaíño xogou 226 encontros de Primeira División (122 como titular), nos que anotou 28 goles. Tamén disputou 64 partidos e marcou 22 tantos en Segunda División B. Igualmente, saltou ao céspede en 26 choques de competicións europeas (6 de Liga de Campións e 20 de Europa League), asinando 4 dianas (1 en Liga de Campións e 3 en Europa League). Por último, acumula 33 partidos e 3 goles na Copa do Rei.

Ibai incorporarase ao traballo de grupo do RC Deportivo tras o partido desta fin de semana en Vilalba.