RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ibai Gómez: "Só podo dicir que vou tentar deixarme a alma cada día"

Ibai Gómez foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do Dépor por esta temporada, con posibilidade de ampliar a súa vinculación ao final da mesma.

Acompañado pola súa familia e o Presidente do Club, Antonio Couceiro, o futbolista vasco posou en primeiro lugar coa camiseta Galicia Azul no campo principal da Cidade Deportiva.

A continuación, respondeu as preguntas dos medios de comunicación na zona habilitada para tal fin na Cidade Deportiva.

En primeiro lugar desvela que "cando rescindín contrato no Athletic deime conta que necesitaba parar, sobre todo mentalmente. Necesitaba volver recuperar a ilusión. Perdera a ilusión polo fútbol que é o que sempre máis me gustou en toda a miña vida e tiña sensación de que por diferentes circunstancias necesitaba parar. Despois dun tempo recuperándome, sentín outra vez esa ilusión de volver facer o que máis me gusta. Saíume unha experiencia fóra. En principio a miña idea era saír fóra, pero cando fun, deime conta de que, desde o meu modo de ver, o fútbol e o sentimento van unidos e necesitaba un sitio onde haxa sentimento de fútbol".

Subliña que o Dépor é "perfecto para volver dar un nivel alto, a volver estar nun sitio onde haxa ese sentimento de fútbol. Tiven moitos compañeiros aquí que xa estiveron e faláronme de todo o que se move aquí. Estou moi ilusionado de estar aquí".

Con varios ex xogadores do Athletic Club estas últimas temporadas na Coruña (Bóveda, Aketxe, Nolaskoain...) conta Ibai que "todos coinciden en que é un lugar incrible, tanto pola cidade, pola xente, como o Club, a infraestrutura... e logo obviamente o obxectivo. Eu tiña moi claro que é unha opción boísima. É un obxectivo que che motiva e poder aparecer no poster que ascendemos dous anos seguidos... Imos soñar con iso e para min é algo que me motiva de verdade".

Apunta o centrocampista branquiazul que "non se me caen os aneis" por ter como rivais equipos por exemplo como o Bilbao Athletic, aínda que o filial vasco estea no outro grupo: "Se dígoche a verdade fun eu o primeiro que contactei co Dépor porque é un Club que me chama moito a atención. Falei coa miña xente e cría que era o sitio perfecto para poder rexurdir".

Nesta liña, confesa que "o primeiro que fixen foi contactar co Club. Sabía que a Secretaría Técnica tiña interese, pero eu despois da experiencia de cambiar o Deportivo Alavés polo Athletic Club tiña moi claro que debía ter unha conversación co míster para ver as súas ideas, para ver se realmente o interese tamén viña do míster porque o que fai as aliñacións e o que ten que estar interesado ten que ser el mesmo. Falei con el e transmitiume que estaba encantado de que puidese vir, que estaba con ganas. Coincidimos moito nas ideas de ver o fútbol e os obxectivos desta temporada tanto a nivel individual como colectivo. E a parte tamén as conversacións con Juan Giménez e Carlos Rosende. Foron conversacións nas que aínda me deixaron máis claro que era un lugar ideal para vir".

Advirte Ibai Gómez que "se eu non me preparase non aceptaría ningunha opción. O primeiro que non lle gustaría non facer as cousas ben, pola miña forma de ser, son eu. Sinto que a idade é un número, síntome con moita enerxía, ben fisicamente e o ter a cabeza como a teño agora e con esa ilusión, vai facer que as cousas saian. Prefiro facelo no campo que con palabras. O único que sei é que realmente a opción de estar aquí pode ser un ano ou poden ser tres. E se son tres é porque a nivel individual e a nivel colectivo as cousas han ir ben. O meu obxectivo é ese".

Insiste en que "nisto do fútbol todo o mundo ten practicamente que sentir algo con clubs como o Dépor. Digo practicamente porque hai certas rivalidades nas que non podes ter este sentimento do que falo. Pero co Dépor, con aquel SuperDépor, aquela remontada de Champions contra o Milan... Pasounos co Athletic na Europa League, co Alavés coa UEFA no seu día. Son situacións nas que todos nos sentimos afundidos. O Dépor está onde está por circunstancias, pero é un Club e unha afección de Primeira División. O meu obxectivo é vir aquí para tentar botar unha man e que o Club volva onde merece".

Ibai asegura que "me está gustando moito o cadro que hai, tanto a nivel persoal como a nivel profesional. Foi un acerto. Hai un cadro para conseguir o obxectivo. Debemos de ilusionarnos entre todos desde o primeiro día. Obviamente somos os primeiros que temos que enganchar a #ANOSAFORZA para que estea enganchada. Polo que me transmitiron e polo que vin é unha peza fundamental para nós. Veño tamén a achegar o meu graniño de area en todos os sentidos. Vou tentar achegar todo o que aprendín durante todos estes anos. Só podo dicir que vou tentar deixarme a alma cada día, a tentar ser o mellor cada adestramento, en cada partido en todos os sentidos. En todo o que poida axudar a calquera compañeiro, ao Club, vouno a tentar facer. Tenteino sempre, a cada sitio que hei ir".

Está convencido que "nun tempo xa teño ese sentimento de pertenza co Club e seguro que vai ben. Vai ser unha etapa bonita a nivel persoal, a nivel profesional. Estou moi convencido diso e esa é a clave, que todos esteamos convencidos de que o obxectivo se pode conseguir".

Márcase como primeira meta "estar preparado para encaixar onde o míster queira. Ten unha base, unha idea principal que estamos a ver durante a pretemporada, que é con catro atrás, e neste caso, dous centrocampistas máis fixos e un mediapunta máis libre, con dous extremos e un dianteiro. Pero o outro día, por exemplo, cando se puxo o partido 0-2, xa demostrou os coñecementos que ten o míster. Cambiou a formulación, cambiou a idea, foille xenial. A temporada é longa, hai partidos moi diferentes. Será moi diferente xogar en ABANCA-RIAZOR a xogar noutros tipos de estadio contra outros equipos. Haberá momentos nos que teña que cambiar. Eu de primeiras onde mellor me atopo é na banda esquerda, pero non teño problema de xogar por dentro, en banda dereita... O que teño que facer é adestrar cada día ao douscentos por cen para tentar axudar ao equipo na posición que sexa".

É consciente do vivido en ABANCA-RIAZOR nas últimas temporadas e sostén que "tanto para o bo como para o malo se estás nun sitio no que o sentimento da xente é tan forte como aquí o mesmo que se goza máis, tamén se sofre máis. Está claro que o sufrimento foi duro, pero agora o Club está a facer as cousas ben, está coa mentalidade de volver onde merece. Soamente tes que vir aquí a ver as instalacións, o día a día, como traballa o Club para saber que o Dépor está aquí por circunstancias. Falei con todos, todos me din o mesmo e agora que levo aquí dúas semanas reafírmoo. Foi unha decisión boa e espero poder dicir isto tamén ao final".