RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Estamos a desexar darlle a volta a esa falta de acerto para que o equipo vaia para arriba

Imanol Idiakez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "sentimos moi unidos aquí dentro e ademais cremos que estamos a construír algo sólido para o futuro, a pesar de que os resultados non nos están acompañando".

Explica que "cambiamos moitas cousas desde que chegamos. Hai uns hábitos internos de profesionalidade, de traballo, de competencia interna moi importante, aínda que é verdade que agora mesmo os resultados non nos están dando a razón".

Advirte que "para min como adestrador a opinión máis importante é a dos meus futbolistas e a da miña afección. Estamos convencidos do que facemos, os futbolistas están convencidos do que fan, están a sufrir como eu e como todos a falta de acerto, e estamos a desexar darlle a volta a esa falta de acerto para que o equipo vaia para arriba, que é algo que aí dentro estamos convencidos".

O técnico deportivista confesa que ten "toda a ilusión de que o domingo fagamos un bo partido, toda a ilusión de que o domingo gañemos"; e repasa as estatísticas: "Somos o equipo que máis tira porta da competición, o que menos tiros recibe a porta, o segundo equipo con máis posesión, o cuarto equipo con máis expecting goal, o segundo equipo con menos expecting goal en contra... Algo ben estamos a facer, que é verdade que os resultados non o din así. Estamos insistindo no que facemos ben e desexando que chegue o acerto nas áreas, que é o que nos está custando tanto".

Pon como resumo da liga do Dépor até a data os partidos en Tarazona e ante o Osasuna B en ABANCA-RIAZOR, "cada un cos seus matices. Son dous partidos que o rival nos tira unha ou dúas veces e nós tiramos unhas cantas, claras algunhas, nas que o porteiro rival fai moi boas intervencións. Evidentemente, ademais diso haberá algunha cousa que non esteamos a facer ben, pero estamos a dominar os partidos, estamos a ser mellores que os rivais e estanos faltando acerto. O outro día (contra Osasuna), o gol que nos meten é un gol que normalmente nós non encaixariamos e con todas as que temos, tampouco acertamos máis que unha".

Imanol Idiakez ten "confianza no meu traballo e estou convencido do que estamos a facer, absolutamente convencido. Estou máis ilusionado que hai dúas semanas porque hai xogadores importantes que se están recuperando, porque sabemos que a baixa de Barbero custounos e sabemos que seguramente a imos a solucionar dentro dunhas semanas. Que a min me fodería non vos podedes imaxinar canto que alguén decidise que eu non sigo aquí? Pois si, porque estou absolutamente convencido, porque facía moito tempo que non estaba tan ilusionado en ningún sitio, porque me encanta todo deste Club e desta cidade, e porque me gustaría axudar a que o Deportivo volvese onde debe, pero iso non depende de min, depende de min só traballar como estou a traballar toda a semana, tentar illarme de todo isto e pensar no equipo; e iso é o que o que estou a facer".

Do FC Barcelona Atlètic, rival este domingo 3 de decembro ás 17:00 no Estadi Johan Cruyff (FEF TV), opina que ten "calidade por todos os lados, está nunha xeira moi boa, xoga na súa casa. É un equipo con ADN Barça clarísimo, ben traballado, que ten variantes. Estivemos esta semana repasando estatísticas máis aló do fútbol e connosco lidera algunha das estatísticas da temporada".

Así pois, espera "un partido complicado, pero imos con toda a ilusión de poder conseguir unha vitoria e tirar para arriba".

 

/* Bot imbee */