RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Inês Pereira: "Creo moito no proxecto que o Dépor ABANCA ten"

Inês Teixeira Pereira (Sintra, Lisboa, 26 de maio de 1999) foi presentada este mediodía como xogadora do Dépor ABANCA até xuño de 2026, cedida polo Everton.

Após pousar para os medios gráficos no campo 2 da Cidade Deportiva, Kevin Cabado asegura que a súa continuidade "a todos satisfainos: á cidade, ao Club, ao fútbol feminino porque é un gran valor. Foi unha xogadora moi destacada a temporada pasada. Foi a mellor porteira da Liga F".

Destaca o responsable do Dépor ABANCA "a sinerxia que tivo co Club desde o primeiro momento. Entendeu á perfección o momento no que estabamos, como se vivía aquí o fútbol, a maneira que quería o Club que fose. Sumou a todos os niveis. A nivel deportivo espectacular, a nivel humano sumando moitísimo no día a día, vindo cun sorriso a adestrar, traballando ao 120%, sempre con máis intensidade... A nivel de afección só hai que ver cando acaba os partidos os berros que recibe e todo o agarimo que dá a #ANOSAFORZA. Iso vai facer crecer ao Club, á liga, ao fútbol feminino".

Finalmente lembra que acaba de disputar con Portugal a Eurocopa "e pediunos volver moi prontiño porque quería estar co equipo. Sabe que vai ser un ano no que queremos dar un paso adiante e ela quería sumar desde o primeiro día".

Pola súa banda, Inês Pereira explicou que ten "moito aprecio polo Dépor ABANCA, por Coruña. Unha das cousas que primeiro me dixo Kevin o ano pasado foi #ANOSAFORZA, que lle gustaba moito o fútbol e que tiña moita paixón. Eu son así un pouco. O fútbol é a miña vida e a miña paixón. Encántame xogar ao fútbol e pasalo ben co fútbol. No meu primeiro partido en ABANCA-RIAZOR, no Teresa Herrera, sentín a maxia de xogar en ABANCA-RIAZOR e de xogar co Dépor ABANCA. Pasados 2 ou 3 meses xa lle dicía a Kevin que me quería quedar no Dépor porque creo moito no proxecto que o Dépor ten. Creo que podo achegar moito ao equipo e síntome como na miña casa".

Define a #ANOSAFORZA como "marabillosa. De verdade síntome en casa. Quero dar as grazas ao Everton por deixarme quedar un ano máis aquí. O obxectivo desta temporada é facer máis e mellor".

Cun ano de experiencia xa en Abegondo, a internacional portuguesa cre que "este ano imos ter un grupo mellor".

Márcase como obxectivo "estar un pouco máis tranquila este ano. Temos mellor equipo e podemos loitar por máis cousas que estabamos a loitar o ano pasado. Podemos quedar máis arriba". "Temos mellor equipo pero temos que demostralo no campo. Para o sistema e as xogadoras que temos, este señor (sinalando a Kevin Cabado) esforzouse moito e trouxo boas xogadoras", puntualizou.

Inês Pereira subliña que "tanto o Club como eu queriamos moito que me quedase. Falouse co Everton. E conseguímolo".

Kevin Cabado: "Temos un cadro moi preparado, con 2 xogadoras por posto"

Kevin Cabado concluíu o acto ao afirmar que "temos un cadro moi preparado, con 2 xogadoras por posto, con mozas do filial que están a sumar moitísimo nestes primeiros amigables. Temos unha licenza dispoñible. Veremos se a gastamos ou non. Temos o mercado aberto até mediados de setembro. Imos ver como xorde a pretemporada".

Preguntado por Lía e Carlota Sánchez, o responsable do Dépor ABANCA asegura que "falamos con elas, saben o que pensa o Club. Están no día a día como calquera xogadora máis. Están a participar, están a adestrar, están a sumar moitísimo porque están a ser súper profesionais. Teñen unha competencia moi alta e veremos se son xogadoras de cadro ou non".