O Dépor completou unha intensa sesión de adestramento baixo a borrasca Pedro, con vento e forte choiva durante os 90 minutos que durou o traballo sobre o céspede.
Miguel Loureiro explicou na sala de prensa que "unha derrota ante un rival directo sempre doe e sempre custa un pouco máis levantarse. Pero estamos a metade de semana. Agora temos que mirar cara a adiante, ao partido deste sábado, outro partido difícil (ante a SD Eibar ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR)".
O central deportivista asegura que o equipo está "con ganas e con motivación de sacar os 3 puntos".
Após unha activación con finalizacións, Antonio Hidalgo dispuxo un exercicio de posición, unha tarefa táctica e fútbol en espazo reducido para concluír.
A pesar desa derrota no Estadio SkyFi Castalia este pasado domingo, o CD Castellón, líder na liga en saques de esquina, non conseguiu rematar ningún ante o Dépor, algo que só lle ocorreu fronte ao CD Leganés e SD Huesca.
Ademais, ante Os Nosos foi o seu 2º rexistro máis baixo en accións a balón parado, empatado cos encontros ante o Córdoba CF e UD Almería.
Para o Dépor é xa o 20º partido de 26 sen conceder un só remate de córner e, en balón parado, o 5º rexistro máis baixo permitido esta temporada.
Loureiro, parella de Lucas Noubi no centro da zaga, apunta que "nos últimos partidos tocounos participar aos dous xuntos. Entendémonos ben. Lucas ten un futuro brillante, cunhas condicións e características espectaculares para esa posición. Está a un nivel moi bo e iso é bo para todos. Estamos a facer un bo traballo, entendémonos ben e estou cómodo con el".
Con todo o cadro sobre o céspede, Bil, Noé e Hugo Ríos foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
O futbolista coruñés advirte que "a estas alturas da temporada é imposible que non vaian aparecendo molestias. Estamos afeitos xogar con dor, a tolerar todas esas situacións que se van dando ao longo da temporada. Hai que convivir con iso. Todo pautado para facelo da mellor maneira posible e adaptar as cargas a cada un. Son cousas normais a estas alturas de temporada".
Subliña que "o equipo está ben, traballando ben esa parte física, e imos chegar ao final de temporada ben e preparados para o que imos ter que afrontar".
Este xoves 19 de febreiro o Dépor continuará a partir das 10:30 a preparación do encontro ante a SD Eibar, que será retransmitido en directo por LaLiga TV, TVG, GOL e Cayo TV.
