RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras: Estamos nun bo momento a nivel de enerxía a pesar dos últimos resultados

Irene Ferreras subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "estamos nun bo momento a nivel de enerxía a pesar dos últimos resultados. Estou a gozar moitísimo do día a día con este equipo. Cada vez somos máis equipo. Estamos no tramo final, con partidos bonitos, partidos importantes. Dedicámonos ao fútbol para vivir este tipo de situacións e querémolo gozar coa ambición de querer gañar, de querer cumprir o obxectivos pero sendo moi conscientes do día a día e do paso a paso".

Con 3 xornadas por diante, manifestou que "neste tipo de situacións o máis importante é manter a calma, a tranquilidade, basearnos un pouco no traballo. O máis importante é que a nosa gasolina sexa o traballo diario, non sexa o resultado. O resultado ten que ser unha consecuencia".

Asegura que vendo adestrar ás súas futbolistas "ilusiónome con elas, estou súper tranquila porque sei que o que estou a ver é o que nos vai a levar ao obxectivo".

A adestradora branquiazul expón o choque de mañá ás 18:45 (Youtube RC Deportivo) no campo 8 de Lezama ante o Athletic Club B  "como un partido máis. O noso obxectivo é volver gañar. O rival está descendido e iso pode facer que a xente saque conclusións pero nós témolas que quitar no campo. Temos un obxectivo moi importante, tense que notar esa ambición, esa ilusión. Sabemos que xogamos contra un equipo que ten moito talento. Independentemente que non se estea xogando nada hai que controlalas moi ben porque son xogadoras que che poden xerar problemas. É verdade que a falta de madurez en determinados momentos da temporada levoulles a esta situación pero teñen argumentos para facerche dano. Demostrárono aquí en Abegondo póndonos nun compromiso a principio do partido. Ímonos a enfrontar a boas xogadoras, que teñen o obxectivo de aspirar ao seu primeiro equipo, de ter un futuro mellor".

Por conseguinte, recalca que "imos tratar de facer un bo fútbol, ser nós, sentirnos o máis cómodas posibles, de saír a gañar desde o minuto 1 coa paciencia que necesitamos para que se vaian sucedendo as cousas aos poucos pero confiando no que nos levou até aquí".

Coincidiu coas palabras de Henar o pasado xoves en rolda de prensa ao afirmar que "levamos toda a temporada facendo as cousas moi ben, gañamos moitos partidos. Agora estásenos resistindo o resultado. Hai que saber mirar máis aló e basearnos no proceso, no traballo, no que estamos a facer, que é o que nos fortaleceu sempre".

Irene Ferreras pide "facer o noso traballo, tentar levarnos os 3 puntos e xa veremos a final da xornada o que pasa. O máis importante é que volvamos ser equipo, que volvamos gañar e a partir de aí a seguir facendo camiño cada día; e seguirémolo facendo o luns, o martes... Pase o que pase vai ser así".

Admitiu que nestas últimas xornadas "faltounos precisión, igual que noutros partidos tivemos menos ocasións e tivemos máis acerto. O importante é ter ferramentas, pensar que pasou e tentar axudarnos, estar xuntas e normalizar o que pasa no deporte porque isto é así. Está a pasarlle a outros equipos na zona alta. Estas batallas do día a día son as importantes. Aínda que non che saia todo o que queres polo menos non baixas os brazos e tratas de pelexar cada resultado. Destes empates imos falar dentro dunhas xornadas que eran bos".

A preparadora deportivista é consciente que "o camiño cara á vitoria estamos a percorrelo como queremos. Ás veces daranos a razón, ás veces non. Agora a estar xuntas, a crer no que estamos a facer e niso estamos".