RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Irene Ferreras pide nesta recta final "calma" e facer "un esforzo moi grande por non mirar máis aló deste domingo"

Irene Ferreras comentou esta mañá en rolda de prensa que "por sorte cunha vitoria puidémonos colocar outra vez en posto de ascenso directo. É importante agora manter esa calma porque isto é moi positivo a nivel anímico, pero doutra banda lévache a sacar a calculadora, a botar contas, mesmo a adiantar resultados que aínda non se deron".

Desvela que lle pediu ás súas xogadoras "que fagan un esforzo moi grande por non mirar máis aló deste domingo", ás 12:00 en Abegondo ante o Real Oviedo (Youtube RC Deportivo), porque "cando xa che queda pouco tempo é moi fácil botar a vista ao que tes a curto prazo pero agora o máis importante é facer ese gran esforzo para estar presentes no que toca".

Non cre que as súas xogadoras "se vaian a desconcentrar. Neste momento da temporada as futbolistas saben da importancia que ten cada partido e cada punto que nos xogamos" pero advirte que "no fútbol sempre está a posibilidade de que o resultado non che dea a razón e cando ti creas unha idea na túa cabeza e logo esa idea cambia, a nivel mental pódeche desestabilizar un pouquiño. Por iso quero e tentamos no día a día que esteamos presentes no agora, no adestramento de agora, no de mañá, no partido do domingo e máis aló diso non pensar".

A adestradora branquiazul deu por finalizada en Albacete a mala xeira do Deportivo ABANCA aínda que apunta que "a nivel emocional, o equipo xa viña de estar facendo bos partidos, facendo bos momentos de partidos mesmo".

Cre que a vitoria da pasada fin de semana ante o CD Alba Fundación, "á parte dos 3 puntos, ten tamén un significado anímico importante pola maneira na que foi", ao remontar un 2-0 en contra.

Indica que "ás veces levas 3 puntos e ás veces cando o partido se pon tan en contra levas moito máis, que é ver como competiu o equipo e como se repuxo ante unha situación tan complicada. Ás veces o fútbol ten estas cousas. Viñamos da semana anterior, onde contra o Granada CF quedamos ás portas de facer esa remontada. E, casualidades da vida, vesche 7 días despois no mesmo contexto, coa mesma situación no descanso, que é 2-1 perdendo, e a partir de aí o equipo creu, fixo as cousas que tiña que facer, tivemos paciencia, deu unha mostra de madurez moi importante e iso pois nos reforzou moitísimo de cara ao que vén".

Irene Ferreras subliña que o partido en Albacete "máis aló do resultado supón experimentar a grandeza que ten este equipo e que aínda temos moitas cousas que facer positivas para terminar ben a competición".

Do Real Oviedo destaca que "é moi perigoso porque se xoga moitísimo e non pode fallar. Nós temos que mirar o noso, tentar facer un partido moi serio, controlar moi ben as súas transicións, o seu xogo directo. É un equipo que coa chegada de Joseba Aguirre cambiou moitísimo o seu estilo. Agora tenta chegar moito máis rápido, chega por fóra, centra, exponse menos; e nós ese tipo de partidos xa o habemos vivenciado. Maduramos moito á hora de xestionar ese tipo de situacións e temos que tentar estar precisas no noso xogo e moi alerta para tentar reducir as probabilidades que o rival che faga dano".

Despois de que Deportivo ABANCA e Real Oviedo disputáronse durante varias temporadas a praza de playoff de ascenso a Primeira División, "nós miramos polo noso ben e non desexándolle mal a ninguén. Dáche pena que un equipo como o Oviedo estea nunha situación difícil pero a liga é moi competida, as cousas son moi complicadas".