RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Jaime, Dani Mallo e Nano, experiencia no fútbol profesional ao servizo de #ANOSACANTEIRA

O RC Deportivo incorpora ao organigrama técnico de #ANOSACANTEIRA de cara á Temporada 2019-2020 a Jaime Sánchez, Dani Mallo e Nano Macedo, ex xogadores con extensas carreiras profesionais ás súas costas que dirixirán aos novos valores branquiazuis.

Jaime toma as rendas do Xuvenil B, equipo ao que xa adestrou na Temporada 2012-2013 durante a súa primeira etapa como preparador de categorías inferiores do Deportivo (2011-2014). Dani Mallo incorpórase como adestrador de porteiros, xunto a David Vidal, dos tres equipos infantís: Infantil A, Infantil San Tirso e Infantil B, equipo este último que será dirixido por Nano.

Jaime Sánchez Fernández (Madrid, 20 de marzo de 1973) conquistou o campionato de Liga 1999-2000 co Deportivo, ao que pertenceu durante 5 campañas, entre 1999 e 2004.

Nas filas deportivistas, Jaime acumulou un total de 31 partidos. Aínda que foi parte activa do éxito ligueiro (21 encontros, 7 como titular), foi cedido as seguintes campañas a Racing de Santander, Tenerife e Hannover (Alemaña), antes de saír do Dépor para poñer fin á súa carreira no Albacete e o Racing de Ferrol.

Jaime deu os seus primeiros pasos no fútbol no RSD Alcalá antes de fichar polo Real Madrid, no que en só 4 anos pasou de xogar co equipo C a participar na conquista da sétima Copa de Europa do club branco, en 1998. Case sempre mediocentro, aínda que esporadicamente actuou como defensa central, disputou 172 partidos (4 goles) en Primeira División, 12 na Liga de Campións e outros 32 (1 gol) na Bundesliga.

Daniel Mallo Castro (Cambre, A Coruña, 25 de xaneiro de 1979) foi porteiro do Deportivo desde os 15 anos até os 26. Ao pouco tempo da súa chegada, na Temporada 1995-1996, foi o gardameta do Xuvenil A que fixo historia conquistando a Copa de Campións de División de Honra, proclamándose así campións de España da categoría.

En 5 campañas co Fabril, Dani Mallo disputou 107 partidos, 76 deles en Segunda División B. Co primeiro equipo do Deportivo, no que formou parte do cadro campión de Liga 1999-2000 e de Copa do Rei en 2002, xogou 3 partidos en Primeira División, 4 de Copa do Rei e 1 de Liga de Campións.

Dani, ademais, xogou en Elche, Sporting Braga (Portugal), Falkirk (Escocia, onde chegou a disputar a final de Copa no mítico Hampden Park), Girona, Lugo, Albacete, Atlético Kolkata (India) e Hospitalet. O groso da súa carreira viviuno na Segunda División, na que totalizó 152 encontros.

Internacional sub-21 en 1 ocasión, coa sub-18 actuou en 12 partidos e colgouse a medalla de bronce do Campionato de Europa en 1997.

Fernando Macedo da Silva Rodilla, máis coñecido como Nano (A Coruña, 20 de abril de 1982), foi xogador do FC Barcelona (co que debutou da man de Louis van Gaal con só 17 anos e 4 meses), Atlético de Madrid, Getafe, Cádiz, Racing de Ferrol, Numancia e Alavés. Nano xogou 69 partidos (8 goles) en Primeira División e outros 153 (16 goles) en Segunda.

Nano, que adoitaba actuar na banda esquerda primeiro como extremo e máis adiante como lateral, tamén foi internacional sub-21 (2 veces) e sub-20 (1). Ademais, formou parte da selección española que conquistou o Campionato de Europa sub-16 en 1999 xunto a Pepe Reina, Mikel Arteta ou os tamén galegos Jonathan Aspas e Rubén González. Con ese mesmo equipo participou no Mundial sub-17 aquel ano, en Nova Zelandia.

Antes de ser incorporado polo Barcelona á súa residencia da Masía, Nano militaba no Ural e formou parte do Deportivo na primeira participación da súa historia no Campionato Nacional Interclubes de Fútbol 7 Categoría Alevín (o coñecido popularmente como Torneo de Brunete) no ano 1994, cando acudiu cunha selección da cidade ao carecer entón de equipos por baixo da categoría xuvenil.