RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Jaime: "Queremos ir a Córdoba e tentar que o noso xogo sexa o máis parecido ao que facemos en ABANCA-RIAZOR"

Jaime Sánchez cualificou esta mañá na sala de prensa de Abegondo o Nuevo Arcángel de Córdoba como "un estadio incrible. É un bo partido para que demostremos que podemos gañar fóra de ABANCA-RIAZOR. É un estadio que é o máis parecido ao noso. Queremos ir alí e tentar que o noso xogo sexa o máis parecido ao que facemos en casa".

Desexou que este domingo 30 de abril (20:00 horas, InSports.tv) na cidade cordobesa "podamos sacar os 3 puntos porque queremos demostrar que queremos quedar primeiros e para iso hai que gañar fóra tamén".

Cre que "o equipo agora está moi ben. Imos con moitas ganas a Córdoba e oxalá podamos sacar por fin 3 puntos fóra de ABANCA-RIAZOR".

Admite que a ausencia de Lucas, que terá que cumprir un partido de sanción ao ver o seu quinto cartón amarelo o pasado domingo, "é unha baixa moi importante. Está claro o que significa para o equipo, pero para iso hai outros dianteiros que seguro que o van a facer moi ben, traballan moi ben cada día para esperar a súa oportunidade. Esta semana seguro que o imos a botar de menos, pero seguro que os que xoguen vano a facer moi ben".

Cunha temperatura que roldará os 30 graos segundo as previsións meteorolóxicas, o defensor andaluz afirma que "non estamos afeitos a esa calor. Eu, hai anos xa, xoguei moito por aí e sei o que é. Agradecemos que atrasasen o partido porque aínda así vai facer calor pero moito mellor dúas horiñas despois. Está claro que a ninguén lle gusta xogar con tanta temperatura pero aceptámolo, asumímolo porque é así e non vale de escusa".

Jaime Sánchez asegura que aspectos como a calor, a rega ou o estado do céspede "inflúen moitísimo. A xente que xogou ao fútbol sábeo e máis a un equipo que nos gusta ter o balón, que nos gusta que o balón vaia rápido. Esperemos que o estado do céspede estea nas mellores condicións posibles. O Córdoba tamén é un equipo ao que lle beneficia que o campo estea ben. Non creo que nese aspecto vaian poñer ningún problema".

Preguntado polo rival, o Córdoba CF, subliñou que "na primeira volta parecía que ía quedar primeiro e agora sufriron unha fochanca moi importante. Nós o ano pasado tamén tivemos unha fochanca, pero non foi tan descarada. Non sei cales serán os motivos, pero o que está claro é que ten un gran equipo a pesar de que fixo unha segunda volta peor, pero ten un gran equipo, moi bos xogadores e hai que estar concentrados porque sabemos que vai ser un partido moi complicado".