RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jovanović móstrase "moi agradecido por estar neste Club cunha gran historia"

Aleksandar Jovanović (Ninš, Serbia, 6 de decembro de 1992) pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. Acompañado pola intérprete do Club, Bibiana Santiso, pediu desculpas por utilizar o idioma inglés: "Entendo case todo español e podo falar. Pero para este acto oficial é mellor para min e para todos vós que fale inglés".

Confesou o novo meta deportivista en primeiro lugar estar "moi agradecido de estar neste gran club cunha gran historia. Vou dar o 100% en cada adestramento e en cada partido se me toca xogar".

Quere tamén "dar as grazas a toda a xente do Club. Axudáronme dentro e fóra. A situación do equipo é bastante boa. Levamos 6 partidos gañados. Sei a situación da que viña. Ao Deportivo coñézoo da súa participación na Champions League, cando gañamos a liga con xogadores como Molina, Tristán, Munitis... obviamente Djukic, e Valerón".

Do Dépor actual o futbolista serbio informouse a través de Sasa Jovanović, "que hai uns días estivo a xogar aquí. Pregunteille como era todo, o ambiente, as instalacións. E despois Luisinho e Pablo Insua faláronme moi ben da cidade. E tamén Juan Carlos. Íame a dar conta de que este é un gran Club".

Conta o seu frenético venres 31 de xaneiro, cando se pechou o seu pase ao Deportivo: "Foi moi estraño e rápido. Empezou ás 10:00. Chámame o meu axente e dime que hai unha posibilidade de cambiar de club, que pode ser tanto o Levante UD como o Deportivo. Simplemente tiñamos que esperar. Despois dime que ía ser o Dépor. Díxenlle si inmediatamente. Estou moi feliz porque o Deportivo é un club grande. Ás 22:00 da noite fíxose oficial".

Asegurou estar "fisicamente preparado" para xogar e "será a decisión do míster se xogo esta fin de semana" en Alcorcón este domingo 9 de febreiro (12:00 horas, Movistar LaLiga 1).

E iso que tivo uns últimos meses movidos na súa carreira: "Os primeiros meses foron difíciles. En Huesca non se fala inglés e foi moi duro. Xoguei algúns partidos e logo estiven uns 4 meses sen xogar. Logo xoguei ante o Leganés e o Betis. No verán foi como unha película para min. Houbo unha negociación cun equipo turco pero tiña problemas con FIFA. Ao final volvín a Huesca pero alí o equipo xa estaba feito. Despois funme a Dinamarca e xoguei varios partidos".

En ABANCA-RIAZOR márcase Jovanović como obxectivo "tentar axudar o máximo posible. Dar o 100%. O grupo recibiume ben, axudoume moito. É un bo vestiario".