RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
GL
PORTADA

Juergen Elitim: "Cambiamos a mentalidade e novamente estámonos atopando como o verdadeiro Deportivo"

Juergen Elitim comentou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o Dépor visitará este domingo 24 de abril ao CF Talavera de la Reina (12:00 horas, Footters e Fuchs-Sports) "coa intención de sacar os tres puntos como imos á todos os sitios. É certo que ultimamente os partidos fóra de ABANCA-RIAZOR non se nos están dando do todo ben ou do todo como quixésemos pero novamente temos unha oportunidade para alargar esta xeira, para sumar tres fóra de casa, para seguir gañando e para seguir sumando puntos".

O centrocampista branquiazul asegura que "a nivel mental o equipo e o vestiario atópase moito mellor logo do partido do outro día (ante o DUX) no que o equipo volveu ter ese aceno de identidade, a ter boas sensacións, a ser agresivos sen balón e a ser dominante con el. É un pouco ese rexurdir e esa vitalidade que che dá sumar tres, facer un bo partido, marcar en distintos aspectos do xogo. Eu creo que a partir de aí o equipo seguirá crecendo e esta boa serie sen dúbida ímola a alargar".

Elitim cre que "son situacións do fútbol como na vida" o ter durante a temporada unha vantaxe sobre o segundo clasificado e agora ter que asegurar esta segunda praza de cara a un playoff de ascenso: "Está claro que o noso primeiro obxectivo era ser líderes. Ségueo sendo mentres haxa opcións matemáticas pois eu non cambiarei a miña mentalidade. Agora estamos na segunda praza, temos aos de atrás relativamente preto e queremos afianzarnos aí. A realidade é que seguramente se todo sigue igual tóquenos xogar un playoff e creo que mentalmente o equipo está preparado para iso, o vestiario está preparado e son cambios aos que che tes que adaptar se queres continuar. Custounos porque non foi fácil. Tiñamos unha distancia considerable en canto ao segundo na clasificación pero son situacións que se dan. O equipo tivo unha fochanca pero aceptouno, cambiamos a mentalidade e novamente estámonos atopando como o verdadeiro Deportivo e como o que fomos durante toda a primeira volta".

Explica que o pasado domingo o DUX "era un equipo que arriscaba bastante coa pelota. Virámolo. Tiñamos claro o que tiñamos que facer e os goles déronse en distintos aspectos do xogo. O segundo dáse por un roubo alto, por esa presión e a transición defensa-ataque; pero o primeiro é un ataque organizado con desborde; e o terceiro é a balón parado. Son distintas facetas do xogo ás que o equipo se adapta e pode levar a cabo no campo. O rival condiciona a maneira de defender pero non só a nós creo que nos pasa a todos. Quizá cun xogo máis directo, estando os mediocentros máis preto de nosa última liña tentariamos gañar segundas xogadas ou algo parecido. O noso aceno de identidade é dominar coa pelota e niso baséase o noso xogo. Cando nos obrigan a defender tentamos facelo o máis alto posible, tentar roubar canto antes para a partir de aí crecer coa pelota. Somos un equipo feito para dominar con ela, para facerse cargo dos partidos e levar a responsabilidade. Nós tentamos facer iso en todos os partidos".

Está de acordo en que coa presenza de Diego Villares no centro do campo, "polo feito de ter máis xogadores dentro permíteche ser máis dominador non só con balón senón cando saltas á presión. A Diego coñecémolo todos, é un gran xogador, abarca moitísimo campo e ten esa moi boa presión cara a adiante. Rouba moito e xa nos deu bastante. Quizá tendo dous xogadores por detrás permíteche liberarche un pouco pero a responsabilidade defensiva é a mesma en todos os partidos e non só para min, parte desde o noso dianteiro. O equipo adáptase ben e fai nos distintos partidos o que nos plasma o míster no taboleiro. Tentamos, dependendo do que require o partido, variar. Neste caso deuse con tres mediocentros, fomos dominadores e por sorte saíu bastante ben".

Preguntado por Antoñito, convidado estes días a adestrar co Dépor, Elitim manifestou que "se está adaptando. É un xogador con moita experiencia, cun moi bo pasado. No vestiario sentou bastante ben. É unha boa persoa e está a se adaptar connosco, tentando adoptar o estilo de xogo, involucrándose en canto a vestiario e a nivel de compañeiro. Nós abrímoslle as portas e se é para axudar, benvido sexa".

Finalmente, desvela que Trilli "está a traballar en campo, ultimando uns pouco detalles da súa recuperación. No pouco que puidemos falar ten boas sensacións, está a afinar fisicamente e mellorando coas súas molestias".

E sobre Víctor, o outro lateral dereito lesionado, di o futbolista colombiano que "segue a súa recuperación. O corpo médico está a facer un bo traballo e esperamos que a súa evolución marque os pasos a seguir, que esas sensacións sexan quen indiquen datas e tempos. Nós botámolos de menos e esperamos que estean connosco canto antes".