Co paso das xornadas, o Dépor vai recuperando efectivos de cara ao comezo da competición oficial, o mércores 6 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas) ante o Deportivo Alavés, con motivo da segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei.
Así, Keko e Eneko Bóveda completaron hoxe a sesión con normalidade. Así o explicaba este último en rolda de prensa: "Tiven un problema no último partido de Copa, aínda que me permitiu seguir xogando. Foi un problemilla nos isquios. Ao estar unha semana fóra, quíxose coidar un pouco aquí e entrar aos poucos. Ao quedar algúns días para o partido xógase un pouco con esa marxe".
Tamén aceleran a súa posta a punto Héctor, Claudio Beauvue e Derik. Estes tres realizaron unha serie de tarefas co grupo e outras aparte específicas. Unicamente adestráronse no ximnasio Miku, Borja Granero e Borja Galán, este pendente de probas médicas nas próximas horas tralas molestias que sufriu onte nun bíceps femoral.
Sobre estas ausencias nestes adestramentos, Bóveda lembra que "vén dunha semana de vacacións e cóntase con máis días do normal para o seguinte partido. Xógase con esa marxe e aprovéitase para certos axustes, para unhas molestias que vas arrastrando durante o ano, permitirche ese descanso extra e mesmo tratamentos que veñen ben. Estes días tampouco son referencia".
Admite iso si que "tivemos lesións. Non sei se máis que outros equipos. É un factor que mingua, que limita o rendemento do equipo. Por iso hai que facer todo o posible, o que estea nas nosas mans para evitalas, para reducilas. As condicións desta temporada son diferentes e seguro que cando acabe haberá moita xente facendo estudos, estatísticas e demais", conclúe Eneko Bóveda.
Con Uche de permiso; e Gandoy e Adri Castro nos seus domicilios, hoxe Fernando Vázquez contou coa participación dos fabrilistas Pablo Brea, Manu Mosquera e Barba; e os centrais xuvenís Trilli e Juan Rodríguez.
Na sesión desta mañá, o técnico deportivista, após un quecemento con rondos, dispuxo unha serie de exercicios tácticos no campo 3. Un partido puxo o punto final ao traballo sobre o céspede.
Mañá xoves 31 de decembro, o cadro está citado de novo ás 10:30 en Abegondo.
