Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, pasouse pola sala de prensa de Abegondo para repasar o recente peche do mercado.
Explicou que na confección do cadro buscouse "o crecemento do Dépor ABANCA e a súa sustentabilidade. Para iso era primordial manter o talento que tiñamos aquí. Conseguimos manter a todas as xogadoras que tiveron oferta de renovación do Club. Xogadoras novas, que cremos que van crecer da nosa man e apostaron por quedar aquí".
Ademais, "dar un pasiño máis e buscar máis profundidade no cadro. Para iso era fundamental manter ás 3 xogadoras que tiñamos cedidas. Olaya conseguimos que viñese en propiedade. A xogadora comprométese até 2028 e é o primeiro paso do mercado. Inês Pereira e Marina acometelas en propiedade non foi posible pero conseguimos que nos axudasen esta temporada. Seguen crecendo da man do Club".
Apunta que "con novas incorporacións buscamos posicións que debiamos dobrar e con marxe de mellora: Merle Barth é unha xogadora con experiencia que nos dese liderado e experiencia; o lateral esquerdo, que foi unha posición que quedamos un pouco cojos o ano pasado porque só tiñamos un perfil puro e xogamos cunha futbolista a pé cambiado moito tempo; e fichaxes novas e con moito talento como Marisa ou Espe Pizarro".
Subliñou o papel de ANOSACANTEIRA, "seguirlles dando paso, pasos firmes e que elas vexan que aquí se aposta por elas". Nomeou, con Elena e Monteagudo xa no primeiro equipo, 6 canteirás que "están en dinámica do primeiro equipo todos os días, que nos achegan moitísimo, están a axudarnos só que o fin de semana nos axudan co filial que ascendeu de categoría".
Estas foron algunhas das súas frases:
Mercado nacional
"Estamos moi contentos porque todo o que quixemos traer veu. Viñeron as primeiras opcións en case todos os casos que iso é moi difícil".
Futuro en propiedade de Inês Pereira e Marina Artero
"Tratouse esa posibilidade pero os clubs de procedencia venas cun futuro prometedor".
Lía e Carlota
"Son xogadoras do cadro para todos os efectos, teñen dorsal. Lía foi convocada no último partido en ABANCA-RIAZOR. Ambas saben que teñen unha competencia moi alta. A principios da temporada houbo unha reunión individual con elas. Explícaselles a confección de cadro. Xusto as súas posicións son as máis poboadas e polo sistema do míster entran menos. Déixaselles a elas tomar a decisión. Decidiron estar aquí e nós encantados".
Burofax de AFE
"Sorprendidos porque o Dépor é exemplo a nivel de trato, de condicións, de medios".
Cidade Deportiva para pechar fichaxes
"A xogadora chega á reunión 50, 50. Ensinámoslles o ximnasio, o vestiario, vídeos no estadio coa marabillosa afección empuxando, as comidas... E aí é onde se acaban de inclinar polo noso proxecto".
Partidos en ABANCA-RIAZOR
"O ano pasado acabamos sendo a 3ª asistencia máis elevada da categoría, só detrás de Barça e Athletic".
"Temos unha afección fiel. Os partidos que xogamos en ABANCA-RIAZOR, salvo 2 o ano pasado, sempre estivemos por encima das 1.000 persoas. Aos poucos iremos construíndo o camiño".
Traxectoria do Dépor ABANCA
"Estamos contentos pero somos inconformistas. Queremos dar un pasiño máis".
Obxectivo do equipo
"Buscamos pasar unha temporada máis tranquila. Ese é o principal obxectivo".
Saída de Sara Extremera
"Por unha situación persoal pídenos saír. Paula Monteagudo empeza a competir aí en pretemporada e dános un rendemento moi alto. Valoramos non incorporar a ninguén porque con Paula, Colette e Samara, que podería xogar aí en caso de necesidade, temos a posición ben cuberta".
Fran Alonso
"Estamos moi contentos co míster. O ano pasado chegou nunha situación moi complicada e axudounos a conseguir un obxectivo moi importante. A súa dedicación é plena, a súa integración no proxecto. Creo que imos vivir moitas grandes cousas xuntos".
