RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Kuki Zalazar "En Segunda hai moi poucos clubs, case ningún, con esta afección, con este estadio"

Kuki Zalazar foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor para esta temporada en curso e a próxima.

Acompañado por Eduardo Blanco, Conselleiro do Club que representou ao Presidente Antonio Couceiro, fóra da cidade estes días, o novo dianteiro deportivista pousou en primeiro lugar para os medios gráficos no campo principal coa camiseta Galicia Azul.

A continuación, ante os medios de comunicación, mostrouse en primeiro lugar "moi contento de estar aquí, moi ilusionado".

Zalazar ve "un equipo moi bo, con moi bos xogadores"; e queda do pasado sábado con "o ambiente de ABANCA-RIAZOR con #ANOSAFORZA. Foi unha pasada. En Segunda non hai estadios como este, coa afección que ten este equipo. Hai un equipo moi moi bo e que vai facer grandes cousas".

Afirma que ao longo da súa carreira, "sempre xoguei de dianteiro, de 9. Logo co paso dos anos fóronme pondo de 10 e o ano pasado na SD Ponferradina de banda. Eu nunca fora banda pero son posicións que un aprende, que son boas para o teu futuro, poder xogar en varias posicións para así darlle alternativas ao míster. Pero as posicións que máis me atopo son de 9 ou de 10".

Explica que este verán "cando me chamou o Dépor non o dubidei. Eu quería saír da SD Ponferradina. Tiña dous anos máis de contrato. É verdade que está en Segunda, estaba a contar con poucos minutos, pero polo menos estaba a entrar; pero eu o que quería era sentirme importante, xogar e cando temos un equipo como o Dépor é moi difícil dicirlle que non. É un histórico que ten o Club e a afección de Primeira e é moi difícil dicirlle que non. Estou moi ilusionado de estar aquí", insiste.

Desvela que a temporada pasada xa se tentou a súa chegada ao Deportivo "e ao final fun á Ponfe e este ano desde o principio. Eu quería ver se podía gañarme un posto alí, quería ser importante. Como che dixen, o Dépor é o Dépor".

É consciente que ten "moita" competencia no ataque. Así cre por exemplo que Quiles e Mario Soriano son "dous moi bos xogadores e eu veño porllo difícil ao míster, a achegar o meu grao de area e a ver que pasa".

Asegura estar "preparado" xa para xogar este domingo en Mérida (12:00 horas): "Fun entrando na Ponferradina. Adestrei toda a pretemporada con eles, á vez que todos os meus compañeiros e estou preparado. Se o míster decide que o domingo teño que saír a xogar, vou dalo todo polo equipo".

Membro dunha familia de futbolistas, co seu pai ex xogador do histórico Albacete Balompé de Primeira División e irmán de dous xogadores en activo en España, Kuki subliña que o DNI "non pesa porque xa desde moi pequeno veño con iso e é algo que xa está dentro de min".

Nesta liña, confesa que o seu pai, "cando veu comigo de Ponferrada dicíame que el estivo co Súper Dépor. Metéronlle 5-1 ou 6-1, non sei canto me dixo. Di que é unha pasada. Eu vino xa o outro día no partido, a afección que ten, como aperta. En Segunda División hai moi poucos clubs, case ningún, con esta afección, con este estadio. E díxome que o Dépor é o Dépor e que aperta, que hai que meterlle cana".