RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Luismi Cruz subliña a importancia de "facernos fortes en ABANCA-RIAZOR"

Luismi Cruz vaticina ante o Real Racing Club este domingo 25 de xaneiro ás 21:00 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas), un partido "difícil pola capacidade que teñen eles con balón. É un equipo moi goleador".

Cre que "o partido se decidirá por detalles. Temos que estar concentrados o noventa e tantos minutos".

Lembra que o conxunto cántabro é "o líder, que está a facer as cousas moi ben"; e, aínda que cualifica o encontro como "moi importante", sostén que "non é definitivo. Quedan 20 xornadas. Temos que sacar os 3 puntos no noso campo, facernos fortes en ABANCA-RIAZOR e coa axuda de #ANOSAFORZA, que seguro que vai apoiarnos, seguir sumando".

O atacante deportivista pensa que "sempre é bonito que haxa ambiente, que #ANOSAFORZA estea metida connosco. Xa o demostraron contra o Atlético de Madrid, que foi un ambiente espectacular que notamos desde o campo. É un factor moi importante para nós".

Desvela que o Dépor, que acaba de superar unha mala serie de resultados, "o primeiro que fixo foi autocrítica, que é moi importante. Sabiamos onde estabamos a fallar e tentar mellorar". "Analizamos o volver ser fortes defensivamente, o ser un grupo unido no que, cando as cousas non van ben, soubémonos dicir as cousas. Agora somos un equipo máis forte", engade.

Nesta liña, ve agora a un equipo branquiazul "forte, con moita confianza. Esperamos un partido difícil pero nós tamén somos un bo equipo e ímosllo a pór difícil".

Luismi Cruz opina que "en Almería fixemos o mellor partido até agora con balón. Soubemos sufrir, que é moi importante. E tamén sabemos transitar como nas xogadas dos goles con Yeremay e Samuele".

Finalmente a nivel individual confesa estar "moi ben, con moita confianza, axudando no que o míster me pida".