RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lux apunta que "esta temporada estamos moi en débeda coa afección"

Poroto Lux pediu esta mañá na sala de prensa de Abegondo, na súa comparecencia ante os medios de comunicación, "ser positivos, deixar a negatividade fóra e nós pensar no Espanyol, en gañar para tratar de cumprir o obxectivo. É o que necesitamos".

Desexa para este domingo 7 de maio ás 18:30 (Bein Sports) "facer un partido completo. Non importa como un xogue. Estamos con esa necesidade de querer gañar. Os once que entremos máis o resto trataremos de correr todo o partido e poder darlle unha alegría á afección, que tanto se merece. Esta temporada estamos moi en débeda con eles".

Recoñece o internacional arxentino que "ao principio as expectativas eran outras. Non as cumprimos. O obxectivo que era a salvación está aí ao alcance da man. Queriamos salvarnos con máis tranquilidade. Pero non puidemos, non é así. As valoracións, as decisións e as conclusións deberiamos esperar un par de semanas e primeiro conseguir todos xuntos o obxectivo. Porque para o Deportivo, para vostedes (os xornalistas), para nós, para todo o mundo sería o peor se o Deportivo descende a Segunda División. A negatividade hai que deixala de lado, hai que ser positivos. Ser conscientes da temporada que fixemos. As responsabilidades son para todos, as conclusións máis adiante".

Sobre o seu futuro, Lux é tallante: "A miña renovación está na cola do que necesito eu neste momento. Quero centrarme como o estou, como o estiven en todos os partidos, en xogar, en achegar, en sumar, dentro, fóra, no vestiario, onde sexa, nos adestramentos..."

Apunta que "nós que somos os protagonistas queremos que nos vaia ben, a ver se van pensar que a cousa a estamos facendo á propósito. Témolo ben claro, pero cando as cousas non se dan hai que ser realistas, ser obxectivos, non mentirnos e aí están os resultados, aí está a clasificación, moi poucos puntos. Pero non quero entrar en valoracións. Iso farémolo máis adiante, e farano as persoas que o teñan que facer".

Sobre o Espanyol, rival na antepenúltima xornada de LaLiga Santander, recalca Lux que "imos xogar contra un equipo moi complicado, un bo equipo que nos leva case 20 puntos. Trataremos de facer o mellor partido posible. Temos que pensar máis no Deportivo, non no Espanyol".