RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

LVII Teresa Herrera<br>Emoción ata o último suspiro

Un gol de Makaay no último minuto da prórroga dá a LVII Edición do Teresa Herrera ao Deportivo da Coruña. Terceira Torre de Hércules consecutiva que recolle o Deportivo, nesta ocasión Mauro Silva, de mans do Alcalde da cidade.


O bo tempo e as merendas típicas do Teresa Herrera animaron as bancadas desde primeira hora da tarde, aínda que os afeccionados non contaban con quedar ata a prórroga. Despois de ver como o Atlético de Madrid facíase co terceiro posto, tras gañar por 2 a 1 ao Nacional, Deportivo e Cruz Azul empataron sen goles tras disputar os 90 minutos do encontro correspondente á final. Noventa minutos moi disputados con dominio branquiazul sobre todo no primeiro tempo e con varias ocasións que naceron, fundamentalmente das botas de Valerón, elixido mellor xogador do Torneo. Pero os deportivistas non puideron marcar.


No segundo tempo entraron Romeu, Acuña e Donato pero o partido seguiu a mesma tónica e o marcador permaneceu inalterable. Pandiani e Djalminha tamén tiveron os seus minutos de xogo pero ningún dos conxuntos puido anotar, aínda que buscaron a meta rival con intensidade. E a pesar do gran desgaste físico a Cruz Azul plantou cara ao Deportivo.

Xa na prórroga o Deportivo dispuxo dunha boa ocasión de Víctor pero a meta rival, Óscar Pérez, seguía acertadísimo. Makaay tivo ao final do primeiro tempo da prórroga unha gran ocasión nas súas botas que se foi fóra da porta mexicana. E sería o propio Makaay tras un gran pase de Djalminha, que sorteou a catro defensas, o encargado de marcar cando a Cruz Azul xa se conformaba co resultado e mesmo había sustituído o porteiro buscando a quenda de penaltis. Gol de Makaay, pois, que dá a Torre ao Deportivo, que continúa invicto esta pretemporada.

O Deportivo sacou de inicio na final do Teresa Herrera a Molina, Héctor, César, Andrade, Capdevila, Sergio, Mauro Silva, Víctor, Valerón, Amavisca e Makaay. No banco estaban Juanmi, Donato, Romeu, Acuña, Djalminha, Pandiani e Manuel Pablo.
A Cruz Azul aliñou a Pérez, Anxos, Almaguer, Brown, Ossorio, Leiva, Campos, Gutiérrez, Pinheiro, Palencia e Abreu quedando no banco González, Cacho, Branco, Ledesma, Messera, Gabino e Hernández.