RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez pide ás súas xogadoras mañá en Zubieta que sexan "atrevidas porque nos vai a facer falta alí"

Manu Sánchez compareceu esta mañá en rolda de prensa en Abegondo minutos antes de emprender viaxe a San Sebastián para o partido do Deportivo ABANCA de mañá domingo 7 de marzo en Zubieta (11:00 horas) fronte á Real Sociedad.

O técnico deportivista, ante o terceiro partido do Dépor ABANCA en sete días, afirmou que "xa estamos afeitos a esta competición con tanto partido entre semana. O equipo está ben fisicamente. Afrontámolo con bo ánimo despois do bo resultado do mércores que nos engancha á pelexa. Imos con toda a ilusión do mundo a Donosti".

Da Real Sociedad apuntou que "é un equipo que desde fai tres ou catro anos vén traballando moi ben, cunha boa base, apostando por xogadoras novas, cun xogo alegre, ofensivo. Quizais Natalia (Arroyo, adestradora) deulle unhas tinguiduras diferentes ao que traballaban con Arconada. É un equipo ofensivo, atrevido". "Non imos descubrir aquí as futbolistas que ten a Real. Están a facer un papel incrible", engade.

Solicita Manu Sánchez ás súas futbolistas estar "moi concentradas, moi atentas ás axudas, tapar ben os espazos, xogar ben e entender ben as transicións que poden ser claves".

O adestrador branquiazul quere que os seus futbolistas "tomen o partido como o que é. Para nós son tres puntos vitais que temos que pelexar aínda que sexa na súa casa onde elas son moi fortes. Temos que tratar de facerlles dano. Aproveitar as debilidades que teñen, que as hai. Ser atrevidas, porque nos vai a facer falta alí".

Preguntado por Eva Dios, titular por primeira vez o pasado mércores en Abegondo ante o Sporting Huelva, afirmou que "está a crecer co equipo. Está a virlle moi ben estar en dinámica connosco".

Iso si, advirte que "hai que ter calma e tranquilidade con este tipo de xogadoras que veñen moi abaixo, que apenas acaba de chegar ao Dépor ABANCA. A forma de traballar, a intensidade dos adestramentos é moi diferente. Ten que ir amoldando o seu corpo a todo isto e ela tamén ten que estar preparada mentalmente para todas as situacións: a convocatoria da selección, ser titular co primeiro equipo... Ten que ter a mente moi ben amoblada; e nós encargarnos de axudala e amoblar ben esa mente para que todo isto non lle trastorne".

Saca unha valoración "moi positiva" do xogo de Eva ante o Sporting Huelva: "Quizais lle custou un pouco entrar no que necesitabamos. Pero unha vez que o conseguiu moi contentos co que nos achegou. Mesmo traballou moitísimo sen balón. Ten que ir a máis. Nós temos que ir dándolle ese tempo para que ela vaia asumindo todo iso".