RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez vaise cun gusto "amargo" e eloxia ao seu equipo porque "foi capaz de pelexar como o fixo hoxe"

Manu Sánchez pasouse pola sala de prensa de Abegondo nada máis concluír o choque ante o UD Granadilla Tenerife Egatesa.

O técnico deportivista confesa que se vai "coa sensación de que fixeches todo no partido para agarrarte á vida, que era o que nos xogabamos hoxe. E non puido ser. Xa comezabamos esta xornada a expensas do que sucedese noutros campos e agora hai que esperar até mañá a que o desenlace sexa oficial, pero ímonos cun gusto moi amargo".

Cre que ao Dépor ABANCA faltoulle este mediodía "tranquilidade. É normal. Sales ao campo co coitelo ao pescozo. Cando a tivemos, cando fomos capaces de conectar tres, catro, cinco pases, somos moi superiores en fútbol. E creo que o demostramos".

Explica que a primeira parte foi "unha batalla de igual a igual con algunhas ocasións. Elas chegaron un par de veces pero tiñamos controlado o partido. Non aproveitamos as accións a balón parado que tivemos. Daquela o inicio da segunda é o típico que temos aquí en Abegondo. Tivemos esas dúas grandes ocasións de Eva Dios. O gol (do UD Granadilla) é unha xogada moi desafortunada porque é unha mala decisión e un mal rebote. E somos capaces de recompornos. Hai que darlle o mérito que se merece a estas xogadoras. Verse cun gol en contra, co descenso na porta, e despois de estar todo o ano en posicións de descenso, que creo que somos o único equipo que non saímos do descenso en toda a temporada, ten mérito empatar e xerar para darlle a volta. O penalti de Lía é clarísimo e as dúas ocasións que tivemos. Pítannos un fóra de xogo nun centro na liña de fondo que non sei, cústame velo. Creo que fixemos suficiente para levarnos a vitoria, que tampouco nos garantía nada pero si nos daba máis vida".

Por este motivo, afirma que "o deportivismo ten que estar orgulloso de ver un equipo que véndose no pozo todo o ano, foi capaz de pelexar como pelexou hoxe".

Non é amigo Manu Sánchez de facer contas porque "os números son fríos normalmente. Ao non gañar en Huelva perdemos as opcións de depender de nós mesmos. E hoxe era un match ball para ter opcións. Ao non conseguilo hai opcións matemáticas segundo que resultados se dean en Logroño, Sevilla. Pero o partido de hoxe era clave para ter na nosa man poder salvarnos. Agora si que non está na nosa man e está noutros resultados. Se temos a sorte de saír vivos dos resultados de mañá, é ir a Sevilla a ver se o azar vólvese a presentar. E volver acabar aquí... É moi complexo".