RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Martí, na súa presentación: "necesitamos que todos vaiamos xuntos: afección, xogadores, Club, técnicos, prensa...porque nos une o mesmo, gañar"

José Luis Martí foi presentado esta tarde na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR como novo adestrador do Real Club Deportivo para o que resta de temporada, cun ano máis de contrato en caso de ascenso. Acompañado polo presidente, Tino Fernández, e o director deportivo, Carmelo del Pozo, atendeu aos medios de comunicación cinco horas despois de aterrar na Coruña e 24 horas despois de confirmarse a súa fichaxe.

O primeiro en tomar a palabra foi o máximo mandatario, que comezou mandando "unha mensaxe a Natxo González e ao seu corpo técnico de agradecemento polo traballo realizado, pola súa ilusión, por vir a este proxecto e pola honestidade e intensidade profesional. Desexarlle sorte, que seguro a vai a ter, porque é un gran adestrador e unha gran persoa" para despois dirixirse ao novo técnico: "A José Luis agradecerlle a súa ilusión polo proxecto e desexarlle toda a sorte do mundo porque temos por diante un reto que podemos conseguir e estamos ilusionados para facelo".

A resposta do técnico balear foi: "Darlle as grazas ao Deportivo por esta gran oportunidade e reto porque sempre é para todos é importantísimo vir a un Club histórico, a un dos grandes do fútbol español". Chega "moi ilusionado e con convencemento no cadro sabendo que quedan 9 partidos complicadísimos, como é esta categoría".

"As miñas liñas mestras son as de traballar, esforzarnos, implicarnos o máximo sabendo que temos unha distancia que recortar cos equipos que están máis arriba pero conscientes de que cada fin de semana só podemos sumar tres puntos gañando, que é o único que vale no fútbol. A maneira é xogando ben ao fútbol, sendo protagonistas, sendo un equipo valente, agresivo, levando o peso do partido e sufrindo cando toque. Tendo personalidade, sendo valentes, ambiciosos, presionando arriba e coas cousas claras", aclarou sobre o seu estilo de xogo que quere pór en práctica desde o primeiro minuto: "O equipo que quero tense que ver a fin de semana, temos que marcarnos a meta de inculcar aos xogadores o que queremos desde mañá. Esa é a miña obrigación. Non podemos perder tempo porque coñezo a complicación e igualdade desta categoría. O máis importante é o que che poidan transmitir os futbolistas, cales son as súas sensacións, que é o que senten no terreo de xogo, como senten cómodos e axudarlles. Temos que darlles solucións porque eles teñen a profesionalidade, capacidade, o fútbol, a calidade nas súas botas".

A pesar da prema de tempos non quere precipitarse: "Primeiro vou falar cos xogadores, a percibir e tocar ao grupo, e a partir de aí tomar decisións que teñen que ser o mellor para o grupo porque ao final, o que verdadeiramente necesitamos é que todos vaiamos xuntos: afección, xogadores, Club, corpo técnico, prensa...porque a todos nos une o mesmo, que é gañar. Canto máis unidos esteamos máis fácil vai ser conseguir as vitorias porque o que todos queremos é o ascenso. Dá igual como se consiga".

Para Carmelo del Pozo, o cambio de adestrador foi "Unha decisión dura porque tivemos que deixar no camiño a un gran profesional e unha gran persoa, cunha dedicación enorme, pero a dinámica agora en puntuación e en fiabilidade non parecía que se puidese reverter. A dinámica e as sensacións non nos acababan de encher pero si que Natxo tiña o dereito de ter a posibilidade de que xogadores que criamos que eran moi importantes volvesen ao equipo. O adestrador entregouse en corpo e alma estes meses e eu entendía que era necesario dar esa marxe de tempo. As decisións, tanto presidente como consello, desde o primeiro día, apoiáronmas. As decisións son boas e malas depende do resultado, pero de inicio a decisión de contar con Natxo demostrouse que era boa".

Para Tino Fernández tamén "É unha situación desagradable, esta e todas as anteriores, é un tema estatístico pero non me preopcupa porque se algún día deixo de tomar unha decisión que penso que é a que hai que tomar por unha estatística que me poida prexudicar creo que tería que deixalo. Todos os equipos que, pola razón que sexa, non cumpren coas súas expectativas, recorren a isto que quizá non sexa do todo xusto e non é algo que nos guste. Todos no fútbol somos en parte un personaxe e tamén coñeces ás persoas nesta actividade de alta intensidade emocional, polo que sempre che afecta. Eu vin bágoas de adultos con outros adestradores aos que me alegro que lles vaia ben agora mesmo adestrando".

O presidente cre que: "Empezamos de cero unha competición de 9 partidos na que o Dépor está capacitado para gañar calquera partido porque xa demostrou que pode. A todos os que están por diante gañámoslles. Podemos pelexalo todo e imos facelo"

Sobre a resposta da afección após o último partido manifestou que: "Tentaremos seguir enganchándoos como institución con iniciativas para que sexa fácil vir e tamén coa clave dos resultados. O noso tesouro é Riazor e a nosa afección, que son os que máis nos queren aínda que é normal que se manifesten en sinal de desgusto polo xogo e a acumulación de malos resultados. Respéctoo e temos que convencelos con outros resultados". Respecto que tamén mostrou ao regreso a ABANCA-RIAZOR do seu antecesor no cargo: "O presidente Lendoiro está sempre convidado o palco nun xesto de normalidade institucional e de respecto á figura dun presidente do Deportivo".