RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente promete un Dépor ABANCA que "soborda entusiasmo, alegría, xogo, esforzo e sacrificio"

Miguel Llorente, técnico do Deportivo ABANCA, explicou esta mañá en rolda de prensa que o cadro aproveitou o parón ligueiro da pasada semana para "visitar ás familias, xa que todos somos de fóra. A volta foi moi boa. Estamos a adestrar moi ben, o ambiente segue sendo moi bo e xa con ganas do partido de mañá", en Abegondo ante o Sporting de Gijón (17:00 horas).

Do equipo asturiano, o técnico deportivista deixa claro en primeiro lugar que "o rival é importante, pero sempre direi que somos máis importantes nós. É verdade que ao falar da idade é unha das características principais do Sporting; e iso, salvo algo raro, vailles a proporcionar ser un equipo máis eléctrico que outros, con máis mobilidade, con non sei se dicir a palabra entusiasmo porque entusiasmo teñen todos os equipos, pero si un equipo que posiblemente até o minuto 90 estea a dar guerra no bo sentido da palabra".

Por conseguinte, vaticina un partido "moi atractivo porque imos ser dous equipos con moita mobilidade, con moitas idas e vindas. Para o espectador pode ser un partido moi interesante e moi divertido".

Miguel Llorente espera unha resposta de #ANOSAFORZA "mellor que o día do FC Barcelona B. Sorprendeume gratamente porque descoñecía o aforamento final que ía poder ter Abegondo e non sei canta xente veu, pero lembro ao virarme ver practicamente a bancada chea. Era un día de estrea, un día moi importante, pero se a xente xa vai vendo a liña que seguimos e engánchanse e gústalles, espero que veña máis xente aínda da que veu aquel día, se é posible. Obviamente tendo en conta as medidas COVID, espero unha afluencia boa e gozar todos xuntos".

Finalmente, o adestrador branquiazul promete aos afeccionados que se acheguen a Abegondo que "van ver un equipo que soborda entusiasmo, alegría, xogo, ganas de recuperar canto antes, esforzo e sacrificio no bo sentido da palabra. E un equipo que até o minuto 90 segue xogando porque cre no que fai. Cando crees no que fas, a motivación supera calquera tipo de obstáculo".