Miku é a gran novidade na convocatoria de 18 xogadores de Fernando Vázquez para o encontro de mañá domingo 13 de decembro en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B (17:00 horas, TVG).
O dianteiro deportivista adestrouse toda a semana con normalidade co grupo e onte mesmo recibiu o visto e prace dos Servizos Médicos branquiazuis.
Caen da convocatoria por lesión Keko e Derik. De ambos os futbolistas falou onte o técnico deportivista en rolda de prensa: "Para a semana que vén Derik entrará connosco seguramente. E Keko tamén. Quedariamos un pouco libres de lesionados. Esa é a miña expectativa. Se van xogar en Copa do Rei ou no Trofeo Teresa Herrera confirmarémolo posteriormente. Pero de inicio está moi moi preto. Estamos contentos porque así sexa".
Tamén queda fóra da lista Lara, sancionado con dous partidos pola súa expulsión o pasado sábado en Pontevedra. Fernando Vázquez considera até "excesiva a sanción de expulsión. O regulamento di que o fútbol son once contra once e por tanto hai que expulsar a un futbolista cunha causa grave. A min naquel momento non me pareceu situación de expulsión. Se por encima son dous partidos xa non quéroche dicir como está redactada a lei. De dous partidos a catro. Case non hai nin recurso porque así está a lei escrita e o árbitro escribiu o que tiña que escribir na acta. Hai que soportalo. A min paréceme un atentado. Isto de privarlle ao fútbol dun futbolista determinado... Imaxinarvos que fose Messi, que por unha bobada lle prohibas traballar dous partidos paréceme absurdo. É ir contra o propio fútbol. Xa vin ao árbitro demasiado nervioso nese partido. Cando un árbitro está nervioso e parece que lle está superando a situación pasan estas cousas", comentou ante os medios de comunicación.
Finalmente, os fabrilistas Adri Castro e Juan Rodríguez xogarán mañá domingo co Fabril en Finisterre.
No adestramento de hoxe, após un quecemento con xogos, o corpo técnico branquiazul dispuxo como tarefa principal un exercicio táctico con finalizacións no campo 2.
Tralo partido, o cadro está citado de novo para adestrar o luns 14 de decembro ás 11:00 en Abegondo.

