RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Millene Cabral renova co Dépor ABANCA até 2025

Millene Cabral Vieira (Porto Alegre, Brasil, 29 de novembro de 1997) prolongou a súa vinculación co Deportivo ABANCA por unha temporada, até xuño de 2025.

A dianteira brasileira chegou ao Dépor ABANCA no verán de 2022, procedente do Rayo Vallecano. Desde entón, disputou 57 encontros oficiais co conxunto branquiazul, nos que sumou 29 goles, cos que iguala con Kika Moreno na sétima posición do ranking histórico, só superada por Peke (84), Gaby García (73), Estefi (47), Teresa Abelleira (35), Nuria Rábano e Alba Merino (32).

Ademais, no curso recentemente finalizado, coroado co ascenso á Liga F despois de tres campañas na segunda categoría nacional, Millene proclamouse máxima goleadora do campionato con 16 tantos.

Millene xa ten experiencia na Liga F, posto que co Rayo Vallecano disputou 26 partidos (14 como titular) e marcou 3 goles na máxima categoría, na campaña previa á súa incorporación ao Dépor ABANCA.

Con anterioridade, Millene aterrou en España da man do Real Sporting de Gijón, co que se proclamou máxima goleadora de Reto Iberdrola, a segunda categoría nacional, na Temporada 2020-2021. A xogadora gaúcha anotou 16 tantos en 22 encontros, 21 deles como titular.

Aos 17 anos, Millene incorporouse ao conxunto da universidade estadounidense Martin Methodist (agora University of Tennessee Southern), no que militou durante catro cursos. En 2019 xogou no Vegalta Sendai xaponés e no LA Galaxy norteamericano, antes de regresar ao seu país en 2020 para fichar polo Foz Cataratas FC.

A renovación de Millene únese a outras xa confirmadas como as de Paula Gutiérrez, Cris Martínez, Samara, Yohana, Raquel García e Paula Monteagudo, todas elas até xuño de 2026; Carmen Carballada, até 2027, e Elena Vázquez, até 2028.