RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera pide "ter os pés no chan" e David Simón valora "ser fortes en ABANCA-RIAZOR"

Pedro Mosquera e David Simón foron os protagonistas na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O capitán deportivista destacou que o estado do terreo de xogo, tralas intensas choivas, "condicionou a nosa forma de xogar. É importante saber adaptarse. Demostramos que non só temos bo trato de balón senón que en partidos duros, en partidos con moitas disputas, estamos preparados para sacalos adiante tamén".

A nivel persoal, recoñece que "cando non xogas sempre é difícil. Vendo que o equipo está ben, esperar a oportunidade para entrar, para achegar. Ao principio de temporada xoguei máis minutos. Agora estaba a xogar menos. A sorte de que hoxe puiden xogar e atopeime moi ben".

Do mesmo xeito que Natxo González na sala de prensa, Mosquera fixo tamén un chamamento á calma: "Isto é moi longo. Agora as cousas van moi ben. Pero hai que estar tranquilos, cos pés no chan. Saber que van vir momentos non tan bos. Temos que ser fortes neses momentos e agora tentar alargar o máximo posible este bo momento".

Pola súa banda, David Simón, baixa o próximo encontro por acumulación de amoestacións, destaca que o importante, máis que verse líder provisional da clasificación, é "estar aí, sendo fortes en ABANCA-RIAZOR. E sen perder, que é moi importante. Estamos por agora ben e hai que seguir así. Hai que tentar como di o míster quedarnos nesta zona de confort, seguir sendo ambiciosos. Este é o camiño".

O lateral canario definiu o encontro ante o Osasuna como "complicado polo tempo, con características que a nós non nos conveñen. Soubemos competir moi ben e hai que quedar con iso".