RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

O CD Castellón rompe a serie triunfal do Dépor cunha segunda parte na que "foron mellores"

O Dépor disputou o seu terceiro partido nunha semana este domingo 7 de decembro ante o CD Castellón en ABANCA-RIAZOR, correspondente á 17ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Os Nosos gañaron en Albacete o pasado sábado 29 de novembro e en Sabadell en Copa o xoves 4 alcanzando as 7 vitorias consecutivas entre liga e torneo do k.o.

Ante os castellonencos chegou unha derrota fraguada na segunda metade.

Con este resultado, Os Nosos quedan con 32 puntos na 2ª posición de LaLiga Hypermotion.

Foron baixa por lesión Escudero, Ximo Navarro, Daniel Bachmann e Luismi Cruz.

Samu, que debutou en partido oficial co Dépor o pasado xoves en Sabadell en Copa, foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o CD Castellón, que sumaba 3 triunfos consecutivos en liga, non tivo Copa del Rey esta semana posto que foi derrotado en primeira rolda polo Club Atlético Antoniano.

Ambos os equipos saíron buscando a portería contraria pero o primeiro disparo foi de Mella, aos 9 minutos, desde a frontal. Atallou ben Matthys.

Pasado o cuarto de hora, Quagliata tapona con acerto un disparo con veleno de Mabil na área. 

O CD Castellón obrigou ao Dépor a traballar en defensa durante boa parte da primeira metade.

Rozaron o gol os visitantes á media hora nunha rápida transición que culminou Lucas cun remate na área que desviou o xusto Loureiro.

A pesar de que os levantinos levaban o mango do encontro, a pegada do Dépor foi determinante. Nunha mala saída de balón do CD Castellón, Stoichkov asiste a Yeremay, que bate a Matthys por raso no man a man.

Ese tanto equilibrou o partido e sen máis ocasións chegouse ao descanso.

"A primeira metade foi moi igualada. Igual que a nós nos custaba con balón ao emparellar un contra un, eles tampouco estaban nada cómodos", resumiu Antonio Hidalgo.

Após o paso polos vestiarios, saíu o CD Castellón cunha presión alta. 

Empatou Doué practicamente no primeiro balón que tocou. Enganchou un gran disparo de lonxe ao que non pode responder Germán.

"Unha vez que recibimos o gol na segunda, fomos a moito peor", apuntou o preparador deportivista.

Pouco despois, Germán evita o segundo ao tapar un remate a pracer de Camara.

Antonio Hidalgo move o banco e dá entrada a Mulattieri, Patiño e Eddahchouri.

"Con 'Mula' iamos cambiar a estrutura e custounos moitísimo máis. Non estivemos nada precisos", resumiu.

Os blanquinegros adiantáronse no marcador no minuto 79. Brignani, no primeiro balón que tocaba ao saltar ao céspede, empuxaba á rede un saque de esquina colgado ao corazón da área.

"Tentamos arriscar e chegou o terceiro co equipo moi aberto", apuntou o técnico branquiazul.

Non atopou o Dépor a forma de superar ao CD Castellón, que sentenciou o encontro no minuto 83 por mediación de Cipenga, de novo ao culminar outra rápida transición.

O encontro deparou ademais a expulsión con vermella directa de Lucas Noubi, ao golpear de maneira fortuíta a un rival ao tentar rematar un balón na área castellonenca.

En primeira instancia o colexiado sinalou cartón amarelo pero após pasar polo VAR corrixiu a súa decisión.

"Na segunda parte foron mellores que nós e hai que recoñecelo", resumiu o adestrador do Dépor.

Rompe así unha xeira triunfal de 7 partidos consecutivos gañando: 5 en liga e 2 en Copa.

Deportivo: Germán, Noubi, Loureiro, Barcia, Quagliata (Cristian Herrera, min. 80), Jose Ángel (Patiño, min. 70), Villares (Eddahchouri, min. 70), Mella, Mario Soriano, Yeremay e Stoichkov (Mulattieri, min. 64)

CD Castelló: Matthys, Sienra, Alberto, Mabil (Brignani, min. 79), Barri, Camara (Markanich, min. 75), Lucas (Doué, min. 62), Gerenabarrena (Soro, min. 62), Pablo (Cipenga, min. 46), Cala e Mellot

Árbitro: Manuel Jesús Orellana, do comité andaluz. Amoestou a Lucas (min. 21), Stoichkov (min. 25), Villares (min. 36), Quagliata (45+1), Mabil (45+1), Matthys (min. 70), Soro (min. 90) e Barri (min. 90+7). Expulsou con vermella directa a Lucas Noubi (min. 90+5) 

Goles: 1-0 Yeremay (min. 32); 1-1 Doué (min. 64); 1-2 Brignani (min. 79); 1-3 Cipenga (min. 83)

Incidencias: Partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 24.447 espectadores. Nos prolegómenos, o Dépor Genuine recibiu o cariñoso aplauso de ANOSAFORZA no 'Día DÉ...' As Persoas con Discacidade. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Isabel Riotorto, esposa do delegado do Fabril, Tonecho, recentemente falecida