RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA ascende á Liga F ante 14.000 deportivistas (3-1)

O Deportivo ABANCA pechou o seu ansiado regreso á máxima categoría do fútbol feminino nacional, a Liga F, cunha gran vitoria ante o Cacereño Femenino nun Estadio ABANCA-RIAZOR totalmente entregado e no que #ANOSAFORZA bateu a marca de asistencia a un partido da categoría, con máis de 14.000 espectadores.

Desde o comezo dominou o encontro o Dépor ABANCA, que merodeou continuamente a área estremeña. As numerosas accións de ataque e varios saques de esquina, con todo, non se traduciron en ocasións claras no primeiro cuarto de encontro.

A colexiada detivo o encontro no minuto 28 debido á calor reinante, como manda o regulamento. As xogadoras de ambos os equipos gozaron dun par de minutos para refrescarse preto dos seus respectivos bancos.

Despois da pausa de hidratación, si empezou a xerar maior perigo o Dépor ABANCA. No minuto 31, Paula Gutiérrez disparou rozando o pau despois de facerse cun balón solto na área cunha ruleta. Dous minutos despois, Sara lanzou un libre directo, moi tocado por riba da barreira, que atrapou a porteira visitante. Aos 36 minutos, Lucía Martínez disparou alto de lonxe. Uns segundos despois produciuse un centro longo pasado de Ainhoa Marín desde o extremo esquerdo que bateu coa dereita Inés Altamira, estrelando o coiro no pau esquerdo da meta estremeña. A piques de cumprirse o tempo regulamentario, Ainhoa Marín centrou de novo desde o extremo esquerdo e Cris Martínez cabeceou no segundo pau ao lateral da rede.

O primeiro tanto se fixo esperar até o tempo engadido da primeira metade. Un centro de Charle a perna cambiada desde o extremo dereito controlouno orientado Ainhoa Marín no punto de penalti e levou a pelota ao fondo das mallas para facer o seu quinto tanto da temporada.

Na segunda parte, as cousas foron como unha seda. Ao sete minutos da continuación, Lucía Martínez puxo un balón en profundidade para Millene, que definiu á perfección ante Delia con potente disparo por alto ao primeiro pau.

A propia dianteira brasileira abriu unha brecha definitiva no minuto 74, ao transformar un penalti que cometeu Leivis Ramos sobre Ainhoa Marín. A '10' deportivista asinou o seu dobrete e o seu tanto número 15 no presente campionato.

Momentos antes do penalti, Eva Dios entrou ao terreo de xogo en lugar de Lucía Martínez, para cumprir o seu partido oficial número 100 co Dépor ABANCA. A pontevedresa converteuse na sexta futbolista en alcanzar esa cifra após Cris Martínez (201), Gaby (117), Iris (107), Peke (106) e Lía (102).

ABANCA-RIAZOR converteuse nunha auténtica festa, onde máis de 14.000 persoas fixeron a onda durante varios minutos. O Cacereño Femenino anotou o tanto da honra no tempo engadido, no que Ainhoa Marín puido redondear o resultado pero escorregou após tentar regatear no man a man á porteira visitante.

Xa daba igual. A vitoria e o ascenso a Liga F despois de tres anos de ausencia estaban asegurados.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Samara, min. 66), Inés Altamira, Raquel García, Sara (Elena, min. 80), Henar, Lucía Martínez (Eva Dios, min. 73), Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Millene (Carlota, min. 80) e Charle (Laurina, min. 66).

Cacereño Femenino: Delia, María Jesús (Hannah Kroupa, min. 46), Lucía Boyero, Leivis Ramos (Becky Cassin, min. 73), Midori Yoshimura, Mireia, Larissa Nunes (Rana Okuma, min. 57), Nora, Karla Riley (Carmen Acedo, min. 86), Manoly Vaquerizo e Sonya Keefe (María Hernández, min. 57).

Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 45+1); 2-0 Millene (min. 52); 3-0 Millene, de penalti (min. 74); 3-1 Ra Okuma (min. 90+2).

Árbitra: Nuria Sánchez García (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Raquel García (min. 40), Lucía Martínez (min. 48) e Henar (min. 83).

Incidencias: partido correspondente á 25ª e penúltima xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.057 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK