RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA asegúrase esta temporada a proxección de Marina Artero

Marina Artero Moreno (Barrika, Biscaia, 14 de outubro de 2005), coñecida futbolísticamente como Marina Artero, chega ao Dépor ABANCA cedida esta temporada polo Athletic Club.

Esta central que tamén pode actuar como centrocampista formouse no club da súa localidade natal, o Barrika FE. Após un paso polo Bizkerre FT recalou nas categorías inferiores do Athletic Club na temporada 2018-19, en categoría infantil.

A pasada temporada disputou 22 partidos co filial branquivermello, todos eles como titular. En total foron 1906 minutos, nos que tamén marcou 4 goles.

Marina Artero é internacional sub-16; subcampioa de Europa sub-17 na que anotou mesmo 1 gol na final ante Alemaña e campioa do mundo como capitá e titular en todos os partidos; e actualmente está concentrada coa sub-19 para a preparación do Campionato de Europa que se celebrará en Serbia do 14 ao 27 deste mes de xullo.

A futbolista vasca é o segundo reforzo das Nosas esta temporada após o de Vera Martínez; e após as renovacións xa confirmadas de Lucía Martínez, Carlota, ADT, Henar, Eva Dios, Millene Cabral, Raquel García, Yohana, Samara e Cris Martínez.